Máis de 85% das prazas nas oposicións de 2021 para o ensino serán de novo ingreso

Xuntanza da mesa sectorial do ensino esta terza feira. (Foto: Xunta)
A Mesa Sectorial Docente non Universitaria reuniu en Compostela as organizacións sindicais do ensino e mais o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo. 

A Mesa Sectorial Docente non Universitaria reuniu na mañá desta terza feira, 13 de abril, en Compostela as organizacións sindicais do ensino e mais o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo.

Do encontro desprendeuse que a Xunta publicará este ano unha oferta de emprego público con 1.604 prazas no ensino das que máis de 85% serán de novo ingreso, en total 1.372. Así, son 4.498 prazas entre as ofertas de 2020 e de 2021 e as probas deste ano desenvolveranse en 2022, xa que para agora están pendentes as que non puideron realizarse en 2020 por mor da Covid-19.

A este respecto, o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, indicou que non se pode falar de "marxe de negociación" posto que hai unha limitación imposta polo Estado, "coa taxa de reposición de 110%".

Á luz dos datos, o sindicato considera que "hai moitas prazas en especialidades de FP onde se están a ofertar tantas, ou máis prazas, como interinas hai a traballar", o que implica un nivel de competencia que fai que as persoas interinas estean en desvantaxe.

Coas ANPA en contra

A mesa sectorial continua na cuarta feira, 14 de abril, coa proposta de cambio no calendario escolar para modificar no curso 2021/2022 as datas dos exames de recuperación do alumnado de ESO, 1º de Bacharelato e 1º de FP Básica e realizalos no mes de xuño. 

Mentres desde a Xunta se explica que “o obxectivo do cambio é o de darlle ao alumnado maiores probabilidades de aprobar”, as asociacións de nais e pais, lideradas por Confapa-Galiza e Anpas Galegas, trasladaron o seu rexeitamento á medida e censuraron que o Goberno non contara coa opinión das familias.

Segundo Confapa-Galiza, “ao non incluír unha ampliación do calendario escolar, a avaliación coincidirá nos días lectivos e a mocidade terá que afrontar unha atropelada preparación" das probas extraordinarias. Anpas Galegas afirmaron que a medida supón "introducir á forza" unha segunda convocatoria e "eliminar de facto a posibilidade" de moito alumnado de superar o curso.

Falan as opositoras

Desde #opos2021xustasparatodxs denuncian que a convocatoria de 2020 se escudara na "blindaxe" das listas, cando a tres meses para as oposicións, aínda non foron publicadas. A plataforma defende que a "blindaxe" era falsa e que se abriu prazo de inscrición como ferramenta electoral de cara aos comicios de xullo de 2020.