Máis de 80 alegantes á Lei de Ordenación do Litoral

A conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentando o anteproxecto da Lei do litoral o pasado decembro. (Foto: Xunta)
Desde entidades ecoloxistas veñen mostrando a súa preocupación polo impacto destes proxectos.

Un total de 84 entidades e colectivos presentaron alegacións á Lei de Ordenación do Litoral que prepara a Xunta da Galiza, segundo informou esta quinta feira o presidente galego. Alfonso Rueda conta con que cara a maio ou xuño este proxecto sexa aprobado no Consello da Xunta para pasar despois ao trámite parlamentario.

Rueda indicou que entre os alegantes figuran desde a Administración Xeral do estado até concellos, organizacións políticas como o BNG, entidades do sector pesqueiro, colectivos ambientalistas  e asociacións empresariais.

"Quen non presentou ningunha alegación foi Costas do Estado", apuntou. O mandatario galego afirmou que o sentir xeral das alegacións partían de respectar a "necesidade" dunha lei para a costa galega que tivese en conta as súas "especificidades".

A Secretaría de Estado de Medio Ambiente cualificou no seu día o anuncio da Xunta dunha Lei do Litoral como "case unha declaración de independencia".

300 establecementos

O pasado 15 de decembro o Consello da Xunta da Galiza aprobou o anteproxecto de Lei de Ordenación do Litoral da Galiza. A norma pretende autorizar arredor de 300 estabelecementos hoteleiros en diversos puntos da zona de protección de costas.

A exposición de motivos do anteproxecto de Lei de ordenación do litoral da Galiza expresa a vontade do Goberno galego de promover unha "Rede de estabelecementos de turismo litoral" coa que "aspira a lograr un turismo diversificado e desestacionalizado, "en coherencia coa normativa turística da Galiza". Desde entidades ecoloxistas mostraron xa entón a súa preocupación polo impacto destes proxectos.