Máis de 770 sancións nesta fin de semana na Galiza por incumprimentos sobre a Covid

(Foto: Rioboo Prada)

As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado realizaron desde a sexta feira até o domingo por volta de 2.000 operativos de control.

A Delegación do Goberno español na Galiza detallou que nesta fin de semana Policía e Garda Civil realizáronse 1.868 controis no noso país, operativos nos que participaron 2.674 efectivos e nos que se controlaron 27.242 persoas e 19.561 vehículos. O resultado: 719 propostas de sanción.

A isto hai que engadir que axentes da Policía Nacional adscrita á comunidade autónoma de Galiza levaron a cabo a pasada fin de semana un total de 106 dispositivos en 37 concellos galegos nos que foron tramitadas 62 denuncias. Durante os operativos, os axentes  controlaron que nos establecementos abertos ao público se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á Covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, a capacidade e horario de feche dos locais e a prevención do botellón.

A Delegación do Goberno destaca que a Policía e a Garda Civil manteñen de forma continuada "unha intensa actividade fronte á Covid", con controis e dispositivos que "son adaptados de acordo coa evolución das restricións sanitarias e da propia pandemia", engade.

Lembra que son os Cecor provinciais e autonómico "os encargados de realizar o seguimento das disposicións e adaptar os medios e dispositivos policiais ás necesidades de cada provincia".

Así mesmo, a Delegación do Goberno reitera á cidadanía "a importancia da responsabilidade individual" no cumprimento das medidas sanitarias e chama a atención sobre "a necesidade de cumprir coas indicacións facilitadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado".