Máis de 70 días de espera para unha cirurxía: case 50.000 persoas seguen agardando para operarse na Galiza
A espera media para unha cirurxía nos hospitais galegos aumentou no primeiro semestre de 2025, até 69,3 días incluíndo Povisa, e sen Povisa vaise por encima dos 70 días, o que supón dous días máis que os 67,1 días cos que se fechou 2024. Na comparativa cun ano antes, son dous días menos que os 71,1 días de xuño de 2024.
De tal forma, a espera para operarse empeora en xuño de 2025 en catro (Santiago, Vigo, Lugo e Ferrol) das sete áreas sanitarias en comparación co último dato coñecido, o de final de 2024. Desta maneira, son 49.223 os galegos e as galegas que están a esperar por unha cirurxía, segundo os datos publicados esta quinta fera polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Así, a área de Santiago-Barbanza é a que conta cunha maior espera, 85,7 días, un dato que se dispara en 12 días respecto aos 73,7 días cos que terminou 2024. Séguea co segundo peor dato a área da Coruña-Cee, con 75 días (3,5 días menos), e tamén por encima dos 70 días está Vigo, con 70,6 días (sete días máis).
Tras as tres áreas con peores cifras atópanse: Ourense-Verín-O Barco, con 61,5 días (oito días menos); Pontevedra-O Salnés, con 58,5 días (3,5 días menos); Ferrol, 56,4 días (2,6 días máis), e Lugo-A Mariña-Monforte, con 53,9 días (6,4 días máis). Así mesmo, aumentan a 17,7 os días de espera da prioridade 1, o que supón 0,6 días máis que os 17,1 de seis meses antes. Hai 1.952 persoas nesta situación na Galiza ao acabar o primeiro semestre.
Ademais para cirurxías de prioridade 2, hai 12.607 persoas en agarda, cunha media de 70 días para operarse, cando hai un ano (69,8).
Tres meses para unha interención
Do total de pacientes que esperan para ser intervidos, a maioría (35.158) fano en menos tres meses. Uns 11.977 pacientes son intervidos entre os tres e os seis meses e outros 2.076 entre seis e 12 meses.
Nunha nota aos medios, destacan que no primeiro semestre do ano o Sergas realizou un total de 109.746 intervencións cirúrxicas, o que supón un incremento de 1,5% respecto do mesmo período do ano anterior (108.079).
Tamén destacan o número de intervencións cirúrxicas realizadas en quirófanos robotizados no primeiros seis meses do ano, que alcanza as 2024, o que supón 150 máis que no mesmo período do ano anterior.
Os servizos cirúrxicos con maior actividade son cirurxía xeral e dixestiva (19.573 intervencións), traumatoloxía (16.026) e oftalmoloxía (15.879).
Remarcan tamén o incremento da actividade cirúrxica nos pacientes de entre 75 e 90 anos, con 603 cirurxías máis que no mesmo período do ano anterior (27.226 fronte a 26.623), así como en pacientes de máis de 90 anos: 2.228 intervencións no primeiro semestre de 2025 fronte ás 2.046 do mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento d 8,9%.
Lista de agarda por servizos
Atendendo aos servizos, a especialidade con maior tempo de agarda é otorrinolaringoloxía, con 96,5 días de media e 4.202 pacientes. Séguelle, aínda que xa a distancia, traumatoloxía, con 84,2 días de agarda media e 11.767 pacientes e cirurxía maxilofacial, con 80,5 días e 475 pacientes.
Pola contra, as especialidades con menos lista de agarda son dermatoloxía con 25,2 días e 612 pacientes; cirurxía cardíaca infantil, con 30,1 días de espera e oito pacientes; e cirurxía torácica, con 36,2 días de agarda e 196 pacientes.
Consultas e probas diagnósticas
No que respecta á actividade das consultas médicas nos hospitais do Sergas, no primeiro semestre do ano fixéronse 2.600.827, o que supón 51.560 consultas máis que no mesmo período do ano anterior, un incremento de 2%. Do total destas consultas, 2.304.417 foron presenciais.
O tempo medio de agarda para a realización de primeiras consultas hospitalarias situouse en 57,3 días, cunha redución de 14,3 días respecto do mesmo período do ano anterior.
Os datos do primeiro semestre do ano tamén reflicten un incremento de 2,8% da actividade das probas diagnósticas. Realizáronse 8.613 ecografías máis que no primeiro semestre do ano anterior, o que supón 4,1% de incremento; 10.227 TAC máis, cun incremento de 5,8%; e 3.225 probas diagnósticas máis, cunha suba de 4,8%., aumentan o número de probas radiolóxicas realizadas, case 16.600 máis, así como o número de estudos e probas funcionais (15.662 máis).
O tempo medio espera para primeiras probas diagnósticas terapéuticas hospitalarias non baixou e é de 83,7 días.