VIII LIMPEZA SIMULTáNEA 'MóLLATE POLOS RíOS'

Máis de 600 voluntari@s retiran nunha xornada 13 toneladas de lixo dos ríos en 45 concellos

Limpeza rio adega

Desde electrodomésticos a baterías de coche, pasando por refugallos de todo tipo, foron sacados polos voluntarios que participaron nesta actividade de Adega.

A oitava edición da limpeza simultánea 'Móllate polos ríos' logrou mobilizar a máis de 600 persoas en 45 concellos de Galiza nesta iniciativa impulsada por Adega. Máis de 13 toneladas de lixo foron retiradas de ríos e regatos do país no marco dunha acción destinada a coidar os ríos, mais tamén, como afirma a asociación, a “concienciar a sociedade da necesidade de que estean ben conservados”.

“Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, colchóns, altofalantes, baterías de coche, pilas e os electrodomésticos tampouco faltaron. Apareceu tamén algunha uralita, roupa, calzado... “. Unha acción notábel e que desde Adega lembran que “o voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta”. 

Nesta edición participaron un total de 54 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de Adega, centros de ensino…) e tamén 5 concellos que organizan directamente esta actividade.