O tempo medio de tramitación de cada un dos expedientes ascende a 342 días

Máis de 5.000 persoas dependentes e sen ningunha prestación na Galiza

As persoas maiores son un dos colectivos en situación de dependencia. (Foto: Nós Diario)
Un total de 67.169 galegas e galegos atópanse en situación de dependencia, segundo se extrae dun estudo elaborado por Europa Press e publicado na segunda feira. Desa cifra, 5.129 persoas están aínda en listaxe de agarda, á espera de que se tramiten os seus casos e se lles poida asignar unha axuda económica e o prazo medio de tramitación é, segundo o mesmo estudo, de case un ano por expediente.

Na Galiza existen un total de 67.169 persoas dependentes. Delas, 62.040 cobraron algún tipo de axuda durante o mes de outubro e máis de cinco mil, en concreto 5.129, permaneceron en listaxe de agarda para que lles fose recoñecido o grao de dependencia e, polo tanto, sen cobrar ningunha prestación.

Son datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, en base aos cales, se se realiza unha comparación coas cifras reunidas en 2019, o número de persoas en  agarda para recibir a correspondente prestación foi de 2.935 persoas menos; 2.341 se se trata da cifra total de persoas dependentes.

Así mesmo, no que se refire ao tempo medio de tramitación de cada expediente de dependencia está fixado, na Galiza, nun total de 342 días. Practicamente un ano enteiro para que se lle recoñeza a unha persoa o "estado de carácter permanente no que se atopan aquelas que, por razóns derivadas da idade, da enfermidade ou da discapacidade, e ligadas á falta ou á perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, precisan da atención doutra ou doutras persoas ou axudas importantes para realizar actividades básicas da vida diaria".

No relativo á porcentaxe de galegas e galegos dependentes que perciben prestación económica pero que non reciben ningún outro tipo de asistencia, era de 12,06% en decembro de 2019.

Segundo recollía Nós Diario a finais do mes de outubro, Galiza situouse en 2019 como o segundo territorio do Estado español que menos investiu en dependencia en relación á súa poboación, cun gasto de 142 euros por cada habitante, segundo os datos achegados pola Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais.

Esta entidade tamén revelaba que o galego era o territorio que maior porcentaxe de investimento tiña recibido por parte do Estado. Segundo os datos achegados por esta asociación, o gasto público certificado en dependencia ascendía, en 2019, a un total de 382,6 millóns.

A loita das máis maiores

O sindicato Comisión Obreiras (CCOO) presenta na xornada de mañá, en Compostela, un estudo sobre o modelo de atención á dependencia na Galiza; un traballo centrado nas prestacións ás que teñen dereito as persoas dependentes e nas condicións laborais de quen presta os servizos, nun sector que emprega case 40.000 galegas e galegos.

O sindicato lembra que a atención á dependencia tivo unha implantación "lenta, aínda que progresiva", até os recortes de 2012, que "provocaron un retroceso na cantidade e calidade das prestacións e, por conseguinte, nas condicións do emprego", advirten desde CCOO

O Colectivo de Xubiladas, Xubilados e Pensionistas da CIG (Confederación Intersindical Galega) levan anos denunciando a situación dos servizos de atención ás persoas maiores e dependentes. Xa no ano 2017 exixían un incremento das partidas necesarias para solucionar as eivas neste sector e entre 2018 e 2019 recolleron máis de 14.000 sinaturas.

Coa pandemia da Covid-19 e a crise sanitaria incrementaron as protestas recollendo como demandas, entre outras, unha dotación e condicións dignas adecuadas para as tarefas dos coidados, ademais de incrementar os orzamentos públicos destinados á dependencia. 

A lei demorada polo PP

En 2006 entraba en vigor a Lei de Dependencia aprobada polo Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero. Unha norma que prevía que estas persoas empezasen a cobrar as axudas que lles correspondían antes de xaneiro de 2012, pero o Goberno do Partido Popular (PP) presidido por Mariano Raxoi retrasou esta data até xullo de 2015. 

Desta maneira, non foi até hai cinco anos que milleiros de persoas, cun grao de dependencia moderado (grao I) ou severo (grao II) se incorporaron ao sistema.