Máis de 41% das mulleres con discapacidade que viviron violencia sexual non o falaron

Oito de cada dez mulleres con discapacidade viven situacións de violencia, indican os datos da Eurocámara. (Foto: Nós Diario)
Catro directoras crearon cadansúa curta sobre violencia e discapacidade.

Segundo datos do Parlamento Europeo, case 80% das mulleres con discapacidade viven situacións de violencia e teñen un risco até catro veces superior que o resto das mulleres de sufrir violencia sexual.

A Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2019 elaborada polo Ministerio de Igualdade concreta en cifras en esa propensión. "As mulleres con discapacidade están máis expostas a vivir unha situación de violencia sexual ao longo da súa vida, un 42,1% fronte a un 36,9%", precisou esta segunda feira Mónica Álvarez, presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade da Galiza (Acadar).

Acadar vén de lanzar unha campaña de sensibilización e prevención contra a violencia sexual cara a nenas e mulleres con discapacidade co apoio de Cogami e da Xunta a través da Consellaría de Emprego Igualdade, unha iniciativa que dá continuidade ao traballo iniciado pola entidade hai máis dun lustro para darlle visibilidade "a unha realidade moi descoñecida" e dotar as mulleres de ferramentas que lles permitan identificar e rachar coas distintas formas de violencia ás que se enfrontan, "tomando o control das súas propias decisións".

Os datos que ofrece a macroenquisa de 2019 son os últimos dos que se valen as mulleres de Acadar para dar conta das distintas caras da violencia que enfronta a discapacidade, mais tamén para reclamar novos estudos que afonden nas formas e consecuencias destas agresións. "Non estamos a falar dunha violencia puntual, senón estrutural", que sucede en distintos contextos e procede de figuras agresoras diversas ao longo de todo o seu  ciclo vital, desde a infancia até a vellez.

Violencia e silencio

Na Galiza, segundo o censo  de 2021, hai 125.000 mulleres con discapacidade. "A violencia que viven é moi similar á que denuncian as mulleres sen discapacidade: física, psicolóxica, económica, obstétrica, dixital, cultural, vicaria, sexual. Mais a súa situación de dependencia económica ou para os coidados acentúa as dificultades", explica en conversa con Nós Diario Mariluz Vázquez, coordinadora e traballadora social de Acadar.

A violencia sexual exercida contra as mulleres con discapacidade é unha das máis invisíbeis, di Vázquez, debido en boa medida aos mitos, tabús e prexuízos que rodean o colectivo. "Adóitase infantilizar dando por feito que non teñen dereito a vivir a súa sexualidade en plenitude, que non son desexábeis. En determinados ámbitos prívase ás mulleres dun proxecto de vida, dunha parella, do seu dereito á maternidade, relegándoas aos coidados da casa ou de persoas dependentes".

É unha "incoherencia" que hai que combater e que implica a toda a sociedade. "Cómpre que sexan elas as que poñan de manifesto as súas circunstancias, pero é necesario que a sociedade se involucre". Só así se conseguirá rebaixar as cifras e o seu impacto: 35,1% das mulleres maiores de 16 anos con discapacidade foron obrigadas a manter relacións sexuais sen o seu consentimento fronte a 18,1% de mulleres sen discapacidade.

Un 17,5% viviron un incidente de violencia sexual no que participaron varias persoas, un 40,3% soportaron un episodio de acoso sexual e 41,4% das mulleres que nalgún momento atravesaron unha situación de violencia sexual non falaron con ninguén ao respecto "por medo, vergonza ou temor a non seren cridas".

'E ti que farías?': Catro fitas interactivas contra a violencia

Até o 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de Xénero, Acadar estreará unha serie de catro pezas audiovisuais interactivas que chaman a sociedade a reflexionar sobre as distintas formas de violencia que viven nenas e mulleres con discapacidade. Catro cintas dirixidas por outras tantas mulleres: Mar Catarina, Noemí Chantada, Lucía Vilela e Xiana de Teixeiro.

Valéndose do humor, da esaxeración, da voz e da realidade das mulleres de Acadar crearon a serie audiovisual E ti que farías?,  que repara nos afectos, na sexualidade, nos desexos, na precariedade, na exclusión social, no empoderamento  e no poder de decisión que moitas mulleres comezan a exercer xa contra a discriminación que outras moitas aínda arrastran na súa experiencia.