Máis de 4.000 persoas na Galiza precisan diálise ou un transplante de ril

Un transplante de ril (Foto: Sant Joan de Déu).
A área de Nefroloxía do complexo hospitalario universitario de Ferrol (Chuf) colabora coa Federación Alcer Galicia co obxectivo de concienciar sobre a saúde renal debido a "ao descoñecemento por gran parte da poboación".

A enfermidade renal crónica (ERC) afecta na Galiza máis de 4.000 persoas, pacientes que precisan de diálises ou un transplante para substituír a función dos seus riles.

Por iso, a Sociedade Española de Nefroloxía (SEN), xunto a pacientes e outras organizacións, desenvolveron unha campaña de sensibilización con motivo do decorrer esta quinta feira 9 de marzo do Día Mundial do Ril. O obxectivo é alertar do crecemento da ERC no Estado nos últimos anos.

Segundo informa a sociedade científica, o número total de casos de pacientes con ERC en tratamento renal sustitutivo (TRS) (que precisan diálise ou transplante) na Galiza sitúase en 1.500 persoas por cada millón de poboación (pmp), unha cifra "bastante" superior aos 1.387 da media estatal, o que a converte no cuarto territorio con maior prevalencia desta patoloxía no Estado.

A incidencia de pacientes con ERC en TRS na Galiza sitúase en 162 pmp, tamén por encima da media estatal (149 pmp), o que a sitúa igualmente entre os territorios con maior incidencia, segundo concreta.

Mortalidade

A ERC é un grave problema de saúde pública que afecta entre 10 e 15% da poboación adulta no Estado español, e sitúase entre as dez primeiras causas de mortalidade.

A previsión, engade, é que sexa unha das cinco causas principais de morte en 2040.

Así mesmo, o rexistro do SEN mostra que as enfermidades de ril creceron 30% na última década e o número de persoas que necesitan diálises ou transplante para poder seguir vivindo alcanza as 65.740 persoas. Un total de 7.084 persoas iniciaron diálises ou transplante en 2021 no Estado.

Con estas cifras, os nefrólogos, xunto a pacientes e outras entidades, solicitan que se desenvolva un Plan Estatal sobre a ERC, que actualice a estratexia aprobada en 2015 co consenso das comunidades e dea resposta aos novos retos expostos pola “preocupante escalada da incidencia, prevalencia e mortalidade” das patoloxías renais.

Área sanitaria de Ferrol

Na mesma liña, a área de Nefroloxía do complexo hospitalario universitario de Ferrol (Chuf) colabora coa Federación Alcer Galicia co obxectivo de concienciar sobre a saúde renal debido a "ao descoñecemento por gran parte da poboación".

Os facultativos inciden en que "máis da metade" das consultas por ERC teñen a súa orixe en enfermidades "evitábeis" como a diabetes e a hipertensión.

Por este motivo, resaltan a relevancia das medidas de prevención e a detección precoz en persoas de idade avanzada ou con enfermidades cardiovasculares.