Máis de 400 novos positivos na Galiza, 98 deles na área de Vigo e 75 na de Santiago

Realización de probas (Foto: Europa Press)

Os casos activos xa superan os 5.100. Aumentan a 312 os pacientes con Covid hospitalizados, deles 46 en UCI.

Galiza rexistrou outros 417 positivos por Covid-19 nas últimas 24 horas, deles 98 na área sanitaria de Vigo; 75 na de Santiago e Barbanza; 66 na de Ourense e 54 na da Coruña.

Mentres, a de Ferrol rexistrou outros 45 positivos; a de Lugo, 41 e a de Pontevedra e O Salnés, 38, segundo a información actualizada na web da Consellería de Sanidade na mañá desta segunda feira con datos recollidos até as 18:00 horas do domingo.

Os casos activos aumentaron nas últimas 24 horas en 169 e sitúanse en 5.101 na Galiza. Con respecto ás áreas sanitarias galegas, aumentaron en todas agás na de Ourense, na que descenderon a 1.516, o que supón 61 menos que este domingo.

Esta segunda feira, a da Coruña e Cee conta con 852 casos activos, o que supón 13 máis que este domingo; a de Vigo, con 791 -83 máis-; a de Santiago e Barbanza rexistra 762 -43 máis-; a de Lugo, 483 -33 máis-; a de Pontevedra e O Salnés, 475 -18 máis- e a de Ferrol, 222 -40 máis-.

Os pacientes con Covid ingresados na Galiza aumentaron a 312, o que supón 23 máis que este domingo, deles 46 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Vítimas

Até a data curáronse na Galiza 23.578 persoas, o que supón 252 máis que as contabilizadas até este domingo e faleceron con Covid-19  un total de 822 persoas.

Este domingo pola tarde foron notificadas as mortes dun home e tres mulleres diagnosticadas, estas últimas usuarias da residencia Vos Gozos de Pereiro de Aguiar.

A Galiza realizou até o momento 592.162 PCR fronte ás 586.482 rexistradas até este domingo. A cifra de contaxiados até a data ascende a 29.501 na Galiza.