Máis de 400 denuncias por incumprir as normas sanitarias na fin de semana

Unha rúa concorrida en Baiona, este domingo (Foto: Europa Press).
O Comité Clínico decidirá na mañá desta terza feira se incrementa as restricións para a Semana Santa.

Os corpos de Policía Local das principais cidades galegas tramitaron na fin de semana, que marcou o inicio da Semana Santa, máis de 400 denuncias a particulares e locais de hostalaría por infrinxiren a normativa sanitaria vixente.

A conduta máis repetida (139 propostas de sanción) foi o incumprimento do toque de recoller, con máis de 50 casos en Ourense e 42 en Vigo. Tamén foi frecuente a ausencia da máscara, con 114 denuncias (a metade na cidade olívica, que liderou o cómputo global de sancións cun total de 189 entre a sexta feira e o sábado).

A seguinte causa por número de infraccións foron as reunións de non conviventes superando o número de persoas permitido (catro en interiores e seis en exteriores, e prohibidas nos domicilios), con Vigo novamente á cabeza.

Continúan a listaxe as sancións a locais hostaleiros (56 en toda a Galiza) e as multas por festas ilegais e consumo de alcohol na rúa (23), fumar sen respectar as distancias (19) e saltar o fechamento perimetral (6).

A Policía Autonómica, pola súa banda, notificou outros 43 propostas de sanción por diferentes infraccións en Baiona, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, Sanxenxo,  Vilagarcía e Vilanova.

Posíbeis mudanzas nas restricións

Esta mañá reúnese novamente o Comité Clínico que asesora a Consellaría de Sanidade para valorar posíbeis cambios no nivel de restricións que se aplica a cada concello.

No encontro avaliaranse os datos epidemiolóxicos das distintas áreas sanitarias, e non se descarta un endurecemento das medidas que se aplicarán durante os festivos da Semana Santa, quer a nivel municipal quer no conxunto do país.