Máis de 40 horas nas Urxencias do CHUS agardando por unha cama: Novo testemuño da saturación sanitaria

Hospital Clínico Universitario de Santiago (Foto: CHUS)
O doente leva ingresado nun box de observación desde a tarde da segunda feira.

Un paciente do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) leva máis de 40 horas na área de observación das urxencias agardando por unha cama libre na planta correspondente, despois de que os facultativos que o atenderon lle trasladasen aos seus familiares que era preciso o ingreso inmediato.

A compañeira do doente, Tereixa Novo, explica a Nós Diario que a pasada segunda feira, contra as 19 horas, entraron polo servizo de urxencias despois de que o home comezara a atoparse mal. Tras unha primeira valoración e constatar os “síntomas de gravidade”, os sanitarios explicáronlle que debía ser derivado de inmediato á área de neurocirurxía para levar a cabo máis probas, polo que sería trasladado a unha habitación en planta.

Porén, máis de 40 horas despois e xa na tarde da cuarta feira, o paciente permanece nun box de observación, sen que os familiares e achegados recibiran máis información por parte do CHUS. “Preguntamos e dinnos que hai que esperar a que quede algunha cama libre, pero que non sabe cando será iso posíbel”, detalla Novo.

“Desde que chegamos, ao meu compañeiro non o atendeu ningún médico ou médica. Só recibiu a atención correcta dos traballadores e traballadoras da área de observación”, lamenta.

Círculo vicioso

A familiar do doente lamenta que desde o hospital din que “non lle poden facer máis probas para coñecer a gravidade até que o ingresen en planta”, algo que segue sen pasar case dous días despois da súa entrada nas urxencias do Clínico de Santiago de Compostela.

Para Novo, “estamos ante un auténtico problema de planificación e de recursos”. “Se sabían que nesta época do ano a situación ía ser así, debían ter previsto mobilizar máis recursos para facerlle fronte, e non acabar repercutindo negativamente nos pacientes”, engade.

Subliña tamén que, segundo a súa experiencia, a sanidade galega vive nun “círculo vicioso”. “Non se destinan recursos, polo que doentes como o meu compañeiro que nunha situación de normalidade pasarían tres días ingresados agora pasarán cinco ou seis, reducindo aínda máis os recursos e medios dispoñíbeis”, denuncia.

“As urxencias sanitarias atópanse totalmente saturadas, nun estado caótico no que hai padiolas ocupando os corredores e cos profesionais sanitarios con mostras evidentes de estrés ante a carga de traballo e a falta de solucións”, conclúe.