Máis de 40% do litoral galego carece de figuras de protección da natureza, o duplo que a media española

Praia de Liméns. Foto: Greenpeace

Dos hábitats naturais costeiros non protexidos, un terzo está catalogado como prioritario pola UE.

Galiza é o terceiro territorio do Estado con maior proporción de hábitats naturais fóra das figuras de protección da natureza. Son por volta de 54.400 hectáreas de zonas costeiras que non teñen ningún tipo de protección, o que supón falar de 41% do litoral galego.

Son dados que figuran no informe A toda costa 2019, elaborado por Greenpeace e que neste ano pon o foco nas áreas naturais que perviven na costa do Estado español após as vagas de urbanización masiva do litoral e de agresións ambientais. 22% da costa española está fóra das figuras da protección da natureza. A metade que na Galiza, onde é 41%.

Galiza é unha das comunidades con menor superficie costeira afectada pola construción urbanística, salienta o informe. Porén, o índice de presión humana sobre os ecosistemas vulnerábeis da costa sitúaa como a sexta do Estado e a segunda da costa norte, despois de Euskadi.

Aliás, dos hábitats naturais costeiros non protexidos na Galiza, 92,3% son recoñecidos como de interese e 32,7% están catalogados como prioritarios pola UE. “A maior proporción de ecosistemas costeiros desprotexidos do Estado están na costa norte”, remarca o documento.

Un exemplo son a praia de Liméns e as dunas do Frondoal, que figuran entre as 10 praias naturais máis ameazadas do Estado español. Está “perigosamente cercada” por varias áreas turísticas-residenciais que incumpren a Lei de Costas.