Máis de 40 alumnas intoxicadas por menús escolares en Pontevedra e Marín

Comedor escolar. [Imaxe: Europa Press]

Sanidade mantén aberta unha investigación sobre a intoxicación leve que afectou varios centros educativos por un menú de peixe servido no comedor escolar.

De momento son 41, pero poderían ser máis as crianzas afectadas esta segunda feira por intoxicación leve a causa do menú de peixe servido nos comedores escolares de varios centros das zonas de Pontevedra e Marín.

Segundo a Federación de Anpa de Centros Públicos de Pontevedra, todas as alumnas afectadas presentan síntomas similares ás reaccións alérxicas que se rexistraron a pasada semana en varias escolas infantís debido a un menú de palometa. En ambos os casos a cociña estaba xestionada por unha empresa, aínda que se trata tanto de firmas diferentes como de provedores de peixe distintos.

Tratáronse de colexios de Infantil e Primaria e no momento no que os monitores se deron conta de que os alumnos mostraban os primeiros síntomas, como erupcións cutáneas ou malestar estomacal, decidiron retirar o prato por seguridade.

Investigación de Sanidade

Rogelio Carballo, presidente da Federación,  apuntou en declaracións a Europa Press que, segundo os primeiros indicios, trátase dun "caso parecido" ao que se rexistrou en varias escolas infantís, ao tratarse dunha palometa con nivel de histaminas por encima do normal e que xerou estas reaccións alérxicas.

A federación dirixiuse á Consellería de Sanidade para a realización da procedente inspección tanto das mostras gardadas nos comedores como da trazabilidad dos produtos empregados no menú. De momento, o proceso "está a seguir o seu curso", aínda que Sanidade conformoulles que nin a empresa nin o subministrador de peixe están relacionados cos casos abertos nas gardarías da Coruña, Hío, e Cangas.