Máis de 300 queixas por agresións ao galego

O informe salienta, entre outras cuestións, o alto número de queixas referidas ao Sergas.
Ausencia de uso do galego, discriminación e deturpación da lingua concentran o groso dos expedientes de queixa abertos en 2019 pola Mesa pola Normalización Lingüística, que onte fixo balance coa presentación do informe anual da Liña do Galego. 

Foron, en total, 318 queixas, 15 máis que no exercicio anterior, tal e como expuxeron onte o presidente da Mesa, Marcos Maceira, a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa, e a deputada de Lingua da Deputación coruñesa, María Muíño. 

O documento recolle a actividade da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende, vía telefónica, por correo ou a través da súa App, consultas a respecto dos dereitos lingüísticos, tramita queixas cara a Administracións, empresas e outras entidades e, tamén, traslada parabéns a aqueles organismos ou persoas que dean pasos para garantir o dereito de vivir en galego.

A Administración pública, tanto a estatal e galega como as locais, acumula 45,28% das queixas que, segundo expuxo Elsa Quintas na rolda, se refiren de forma maioritaria ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e á propia Xunta. Do resto, 32% teñen a ver con actuacións de empresas de servizos, 12,26% con institucións privadas e 9,75% con entidades bancarias.

Privatizacións

"As 318 queixas son só unha mínima parte das discriminacións e vulneración de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos sinalados sintomáticas", observou a vicepresidenta da Mesa. Un terzo do total das recibidas na Liña do Galego son referentes a discriminacións lingüísticas e outro 35,22%, a toponimia deturpada –a categoría que máis subiu a respecto do ano anterior, 13 puntos porcentuais–, mentres que 17,3% están referidas a webs e servizos online, 6,29% a rotulación e sinalización e 5,66%, a atención oral e escrita. 

Quintas relacionou ademais o aumento das queixas por vulneracións de dereitos lingüísticos por parte de empresas que prestan servizos públicos (10%) coas privatizacións.

Segundo apuntou, pola súa banda, o presidente da Mesa durante a presentación, a información relativa á vuleración de dereitos trasládase a diversas entidades internacionais, desde a ONU ao Consello Europeo. 

Neste sentido, Maceira lembrou que ambos os dous organismos recollen expresamente a vulneración dos dereitos lingüísticos na Galiza, baseándose nos informes da Mesa como proba de que "as e os galego falantes non poden empregar a súa propia lingua coas Autoridades públicas en Galiza, malia o aparente dereito a facelo".

Para Maceira, "a Xunta debe modificar urxentemente a política lingüísitica para garantir a presenza e a plena dispoñibilidade do galego en todo e para todo, nomeadamente na administración e no ensino". 

Segundo indicou, en 11 anos, o Goberno galego recibiu tres posicionamentos contrarios do Consello de Europa e agora engádese o da ONU, a través do informe definitivo sobre a situación das minorías no Estado español elaborado polo relator especial da Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos Fernand de Varennes, publicado esta mesma semana. "Non chega co recoñecemento formal do galego senón que debe ter consecuencias", considerou o presidente da Mesa.

Neste contexto, María Muíño recalcou a utilidade da Liña do Galego, "un proxecto que recolle información de forma sistemática e obxectiva, o que resulta moi útil para as Administracións públicas que queren avanzar no compromiso coa Normalización Lingüística, como é o caso da Deputación da Coruña".