Máis de 30 horas de agarda para recibir atención psiquiátrica no Chuac

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Nós Diario).
3.186 pacientes tiveron que agardar unha media de 55,7 días para seren atendidas nos servizos psicolóxicos no Sergas.

Desde o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denuncian unha vulneración de dereitos por condición de saúde mental no Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac).

"En días pasados, tivemos coñecemento dunha situación de potencial vulneración dos Dereitos Fundamentais dunha persoa que ingresou no Chuac", alertaron onte desde o MGSM. Segundo indican, a persoa doente en cuestión acudiu ao Servizo de Urxencias, por clínica psiquiátrica, na terza feira 22 de marzo e, valorada a indicación de ingreso en Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP), "viuse abocada a permanecer por máis de 30 horas"en Urxencias "non con obxecto de observación senón por falta de camas libres na unidade especializada, e permanecendo en situación de contención mecánica".

O MGSM, no comunicado en que relata estes feitos, insta á Xerencia da área sanitaria da Coruña a levar a cabo a "investigación oportuna, co rigor e alcance correspondentes á gravidade da situación" e reclama tamén "a asunción das responsabilidades que dela se deriven".

Sanidade presume de xestión

No día de onte, o titular da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que "o Plan de Saúde Mental da Xunta, con vixencia até 2024, permitiu incrementar nos dous últimos anos en 30% o orzamento para prazas concertadas con entidades sociais".

Comesaña salientou que o obxectivo da Xunta para 2024, cando finalice o plan, é chegar aos 9,5 millóns de euros de investimento anual en pisos protexidos, centros residenciais e de rehabilitación psicosocial.

Non obstante, estes anuncios por parte do Executivo galego contrastan coa realidade, como evidencian as cifras. No que atinxe á atención hospitalaria, o plan marca un claro e crucial obxectivo: que todas as persoas doentes sexan atendidas nunha primeira consulta nun prazo máximo de 30 días. Con todo, os datos reais a respecto do servizo de psicoloxía clínica do Sergas indican que 3.186 pacientes tiveron que agardar unha media de 55,7 días para seren atendidas.