Máis de 3.000 persoas rexeitan en Vigo o desmantelamento do Meixoeiro

Imaxe: CIG

A manifestación denunciou a “política de privatizacións” impulsada pola Consellaría de Sanidade.

Máis de 3.000 persoas, segundo cálculo da organización, manifestáronse en Vigo contra o desmantelamento do Meixoeiro e na defensa da sanidade pública. A mobilización foi convocada pola xunta de persoal do Chuvi e a plataforma SOS Meixoeiro e decorreu no entorno do centro médico.

“O Meixoeiro querémolo enteiro”, “Feijóo, bandido, “A privatización é corrupción”, “Queremos un hospital e non unha sucursal”, ou “Feijóo, atende, a sanidade non se vende” foron algúns dos lemas que se corearon na marcha. . Á cabeza da manifestación, unha faixa recollía o lema da protesta: “O Meixoeiro tamén existe”.

As manifestantes reclaman que O Meixoeiro se manteña como un hospital xeral programado para diferentes especialidades, para o que é necesario recuperar as camas fechadas e os recursos recortados. “A plena utilización do Meixoeiro é vital para o futuro da sanidade pública da nosa área sanitaria”, rematan.