Máis de 25.000 peregrinos chegaron a Compostela no que vai de ano

Varios peregrinos percorren a última etapa do Camiño de Santiago. (Foto: Arxina).
É a cifra máis elevada na historia do Camiño e do Xacobeo.

Preto de 25.400 peregrinos selaron a súa Compostela durante este 2022, a cifra máis elevada na historia do Camiño e do Xacobeo a estas alturas de ano.

O número de peregrinos elévase case 30%, por encima dos máis de 20.000 rexistrados no mesmo período, tanto no ano récord de 2019 como no anterior Ano Santo de 2010.

Tan só nesta primeira metade do mes de abril, máis de 14.300 peregrinos chegaron a Santiago, isto é, case 60% das credenciais obtidas no que vai de 2022. En concreto, a Xunta detallou que este venres se selaron máis de 2.500 Compostelas e o xoves, 2.000.

No marco da chegada este sábado de 44 peregrinos procedentes da Federación de Casas Rexionais en Navarra, a directora de Turismo da Galiza, Nava Castro, fixo fincapé na relevancia dos peregrinos procedentes deste territorio, con case 1.200 no ano 2019 e máis de 100 no que vai de ano.

O grupo estaba formado por participantes procedentes de Casas Rexionais de Aragón, Castela e León, Cantabria e Pais Valenciano en Navarra, así como do Fogar Estremeño de Pamplona, Centro Cultural Estremeño en Alsasua e Lar Galego en Pamplona.

Nesta liña, Castro puxo en valor a recuperación das viaxes en grupo, o cal "deixa patente os resultados do reforzo da mensaxe da Galiza como destino seguro", declarou.