Máis de 220 denuncias nas cidades galegas na primeira fin de semana con paseos por horarios e idades

Control policial (Arxina)

As policías locais das principais cidades da Galiza tramitaron nos últimos días máis de 220 denuncias a outras tantas persoas por incumpriren algunha das determinacións do estado de alarma ou as condicións das saídas establecidas na primeira fin de semana no que se permitiron paseos ou práctica individual de deporte con limitación horaria, desde que se decretou a alerta sanitaria pola pandemia de coronavirus.

Así, desde este sábado, establecéronse determinadas pautas para permitir a saída da poboación das súas casas, como medida de 'alivio' do confinamento. Para iso, fixáronse franxas horarias tanto para os paseos como para a práctica de deporte de forma individual, co fin de evitar posíbeis aglomeracións e facilitar as medidas de distanciamento social que reduzan o risco de contaxio.

Á cabeza no número de denuncias estivo a cidade de Vigo, con 104 propostas de sanción (41 o sábado e 63 o domingo). Segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, en rolda de prensa, algunhas desas multas tramitáronse por "facer un mal uso das zonas de esparexemento", por saídas fóra do horario estipulado, por práctica deportiva fóra do horario (o caso dun submarinista) ou por non respectar as limitacións no número de ocupantes dos vehículos.

Na Coruña, a policía local tramitou, entre o sábado e o domingo, 42 propostas de sanción. Delas, polo menos 15 tiveron que ver con incumprimentos dos horarios establecidos para os paseos por grupos de idade e para a práctica de deporte.

Na cidade de Ourense, o súa policía local tramitou 33 propostas de sanción, fundamentalmente por incumprir os horarios dos paseos ou por outros desprazamentos non xustificados; mentres que en Pontevedra foron 14 propostas de sanción, e en Lugo e Santiago tramitáronse 13 denuncias respectivamente.

A cidade con menos denuncias a pasada fin de semana foi Ferrol. Segundo fontes municipais, a policía local realizou 4 denuncias, por saídas fóra de horario e por incumprir as restricións de ocupantes nun vehículo.