Máis de 200.000 persoas viven en situación de pobreza extrema na Galiza

Persoas recollendo alimentos na rúa (Eduardo Parra / Europa Press).
Segundo recolle a Rede Europea Contra a Pobreza nun informe. A entidade pide aumentar a contía e cobertura do Ingreso Mínimo Vital.

Actualmente, 7,5% dos galegos e das galegas viven en situación de pobreza extrema. Isto é, 203.296 persoas no país. É a cifra que arroxa un informe elaborado pola Rede Europea da Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado español (EAPN-Es).

O estudo da EAPN-Es sitúa en 14.238 os galegos e galegas beneficiarios da renda básica de inserción, con 15.456 dependentes, o que se traduce nun total de 29.694 persoas. "Son xente que 'fixo os deberes', pero que permanece atrapada nunha estrutura que non lle permite desenvolverse”, dixo onte o autor da investigación da EAPN-Es, Juan Carlos Llano, durante a presentación da mesma.

No conxunto do Estado español, segundo o informe, 4,2 millóns de persoas atópanse en situación de pobreza severa e exclusión social. En concreto, 51,2% son mulleres fronte a 48,8% de homes. Unha de cada catro ten menos de 18 anos, unha porcentaxe que se eleva até 40,5% sumando as mulleres de entre 18 e 29 anos. "A xuventude está moi sobrerrepresentada", apuntou Llano.

Por outra banda, o grupo de persoas maiores en pobreza severa representa 8,7% do total. O autor destaca que a práctica totalidade dos seus ingresos veñen determinados polas pensións que reciben. Segundo a enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística, en 2018 a taxa de risco de pobreza dos e das maiores desa idade rolda 13,06%. Galiza é o segundo territorio do Estado coas pensións máis baixas. A media sitúase en 858,6 euros ao mes, mentres que a de viuvez rolda os 611,79 euros. 

Desbotar prexuízos

Do informe despréndese que a porcentaxe de persoas ocupadas dentro da poboación en pobreza severa é moi similar á de desempregadas, e que 74,1% teñen a nacionalidade española fronte a 25,9% de persoas estranxeiras. Ao tempo, máis de 36% completou a educación secundaria e conta con algunha titulación superior.

Un perfil, di a EAPN-Es "moi distinto ao que se intenta impor desde determinados centros de interese". E as súas carencias, engade Llano, non obedecen a casos individuais senón a un problema estrutural agravado pola insuficiencia de axudas.

A Rede solicita ao Goberno estatal ampliar a contía do Ingreso Mínimo Vital e a súa cobertura, ademais de resolver os problemas de empadroamento das persoas sen fogar ou situación irregular. E pide apostar por un emprego de calidade e por un parque de vivendas públicas.