Máis de 200.000 sinaturas contra a volta das touradas a Pontevedra

Imaxe de arquivo.

A plataforma 'Galiza,  Mellor  Sen  Touradas' aplaude a cancelación das novilladas no Concello de Valga pola pandemia.

A asociación 'Galiza, Mellor  Sen  Touradas' recolleu 212.000 firmas contra a volta da tauromaquia a Pontevedra e as novilladas de Valga, que tacharon de "temeridade" perante a quinta vaga de Covid-19.

Nun comunicado, a asociación mostrou a súa "preocupación" pola posíbel volta das touradas, como parte das medidas de alivio que a Consellaría de  Sanidade anunciou nas últimas semanas.

"O retorno de feiras taurinas en concellos como Pontevedra, con decenas de positivos por Covid-19 acumulados en días anteriores, supón unha temeridade, mentres o Executivo galego publica no DOG medidas de restrición para encontros sociais e familiares", apuntou a asociación.

A plataforma fixo fincapé nas "circunstancias excepcionais de risco" que presenta a praza de touros de Pontevedra, que non conta con asentos individualizados. Ademais, sinalaron, "normalizouse a comida e bebida durante a actividade e mesmo está permitido fumar, xa que os cosos gozan de excepcionalidade nas normas antitabaco de 2005 e 2011".

É por este motivo que a plataforma presentou a súa recollida de firmas non só contra a tauromaquia en Pontevedra, senón tamén contra as novilladas de Valga, e "en defensa da Saúde Pública e a favor de medidas restritivas para estas convocatorias, para as que non se dan as circunstancias sociosanitarias".

Neste sentido, subliñaron que o Concello de Valga renunciou a organizar  novilladas este ano, como xa fixeron en 2020, "e así garantir que unha actividade así non se converte nun foco de  contagios da covid-19". A plataforma instou á Xunta a dar os mesmos pasos que outros concellos do Estado como Valencia, que non albergará corridas de touros, do mesmo xeito que  Algemesí, Huesca, a propia Valga ou Sevilla.

Tamén en Portugal hai concellos que se declaran contraios ás touradas, como é o caso do de Viana, o primeiro en dar o paso.