Máis de 200 persoas foron vítimas nestes anos de delitos de odio na Galiza

Nestes cinco anos rexistráronse 300 destes delitos. Os motivados pola orientación ou identidade sexual da vítima e aqueles realizados pola súa condición de inmigrantes ou cor de pel son os máis abundantes, así como os que responden a razóns de ideoloxía.

Perto de 300 delitos de odio foron rexistrados na Galiza no último lustro segundo datos do Ministerio do Interior. Entre 2013 e 2017 -último ano do que se publicaron rexistros- houbo constancia oficial de 294 delitos deste tipo no noso país. Deles, 106 estaban motivados pola orientación ou identidade sexual da vítima (36% do total).  Nese mesmo período rexistráronse 52 delitos de odio por racismo e xenofobia, o que supón 18% dese total de perto de 300.

.

Aliás, en catro anos (de 2014 a 2017) houbo no noso país 207 vítimas de delitos de odio. En 2014 foron 66, o ano despois 52 e en 2016 ese número era de 48. Destas 48 rexistradas en 2016, 11 por mor da súa orientación sexual e 18 por racismo e xenofobia. No último exercicio, 2017, foron 41 as vítimas, a maioría delas (23) por condición da súa ideoloxía, seguidas das que o foron por motivacións de racismo ou xenofobia (9) e as de orientación ou identidade sexual (6).

 

A taxa de delitos de odio na Galiza está entre as máis baixas de todo o Estado español

 

En 2017, os delitos por ideoloxía foron os máis numerosos, representando a metade do total. Aqueles que se realizan por racismo ou xenofobia son un de cada cinco dos cometidos nese ano.

 

Un de cada tres delitos de odio rexistrados en Galiza durante 2016 tiña unha motivación racista ou xenófoba. Foron 21 dun total de 60. A discriminación pola procedencia ou raza da vítima pasou ser en 2016 a principal causa destes ataques. En 2015 era o odio por ideoloxía e en 2014 e 2013, a principal motivación nos delitos de odio foi a discriminación por orientación ou identidade sexual. En 2015 rexistráronse 64 delitos de odio, cifra lixeiramente superior á de 2014 (foran 62), mentres que en 2013 rexistráranse 67.

 

A taxa de delitos de odio na Galiza está entre as máis baixas de todo o Estado español: 1,5 por cada 100.000 habitantes, o que é a metade da taxa española (3 por cada cen mil). Só Asturies e Cantabria rexistran menor incidencia deste tipo de delitos.