Máis de 20 colectivos ambientalistas únense na campaña 'Stop eucalipto, avante carballo'

Propoñen cinco medidas concretas para limitar as consecuencias do eucalipto e prevervar os bosques autóctonos. “As plantacións de eucaliptos en Galiza supoñen máis da metade das existentes no Estado”.

Nas últimas décadas rexistrouse unha gran expansión do eucalipto en Galiza. No primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 hectáreas. Para o segundo (IFN III), realizado en Galiza nos anos 1997 e 1998, o eucalipto estendérase xa por 396.344 ha, o 28% da superficie arborada galega. En vista dos datos provisionais dispoñíbeis, a finais de 2015 a superficie de eucaliptais en Galiza podería achegarse ás 500.000 hectáreas.

Unha realidade sobre a que alertan as 21 organizacións ambientalistas que se unen para impulsar a campaña 'Stop eucalipto, avante carballo!”. Unha campaña que se presentou en Pontevedra esta sexta feira e non por casualidade. “ A recente prórroga da concesión de ENCE en Lourizán non só é unha mala noticia para a ría de Pontevedra, senón que ameaza seriamente á biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio (pasta de papel, biomasa) baseado no monocultivo do eucalipto”.

Cinco accións

As organización asinantes rda campaña reclaman cinco accións concretas: O cumprimento da actual lexislación (Lei de Montes, Lei de Costas, Lei de Conservación da Natureza, etc.) que aínda limita a plantación de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, terreos agrícolas, ríos, costas, hábitats de interese. A prohibición de novas plantacións e a repoboacións con esta especie nos espazos pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos (RGEP), así como naquelas áreas con presenza de hábitats e especies incluídas na Directiva 92/43CEE.

Outras ptropostas son a eliminación de eucaliptos ventureiros ou asilvestrados fóra de plantación. A consideración do Eucalyptus nitens como unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas. E a urxente aprobación de medidas para protexer os bosques autóctonos galegos a través de axudas directas, a promoción de alternativas ao eucalipto e o impulso aos aproveitamentos multifuncionais e sustentábeis.

AsinanADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), Amigos da Terra, APDR, CEMMA, Colectivo Ecoloxista do Salnés, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, Verdegaia,  As. Rabo do Galo