Máis de 20.400 sinaturas recollidas en 24 horas para un Ourense libre de touradas

A asociación animalista Libera e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas lanzaron unha campaña urxente en apoio á moción do BNG. En 24 horas xa recolleron máis de 20.400 apoios, afirman.

 

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a asociación animalista Libera veñen de lanzar unha petición para apoiar a declaración de Ourense como vila libre de touradas. En menos de 24 horas xa sumaron máis de 20.400 rúbricas de apoio.

Segundo os estudos elaborados polo Ministerio de Cultura, o 99,2% das galegas e dos galegos declara non asistir a eventos taurinos, e esta actividade só é posible, sinalan estas organizacións, “grazas aos inxentes subsidios que algúns concellos, como A Coruña ou Sarria”.

A petición pode ser asinada a través de internet, e aspira a que o grupo socialista apoie a moción presentada polo BNG, que hai dous anos xa acadara o apoio suficiente para declarar Ourense como cidade libre de circos con animais. “Con esta nova iniciativa, a vila convertiríase tamén na primeira en aprobar estas dúas mocións, amosando un compromiso claro contra os espectáculos que degradan aos seres vivos”.

Os colectivos subliñan que a declaración tamén supón unha importante marca internacional, "xa que cada vez máis turistas e visitantes valoran positivamente que as administracións públicas rexeiten empregar animais como suposta forma de ocio ou turismo.