Máis de 2 mil sinaturas piden a retirada da sanción ao gandeiro da Sionlla

Jorge Piñeiro foi multado polo Concello de Santiago argüíndo que as bostas das súas vacas na estrada supoñen un delito.

 

Acompañado polo coordinador da Fruga, Manuel Dacal, e polo portavoz do Bloque en Compostela, Rubén Cela, o gandeiro da Sionlla sancionado, Jorge Piñeiro, fixeron entrega de máis de 2 mil sinaturas recollidas entre a veciñanza da cidade.

Os apoios depositados esta quinta feira na casa consistorial da capital da Galiza, demandan a retirada da multa de 750 euros imposta polo goberno da localidade contra Piñeiro após ser denunciado por un veciño. 

Segundo a Policía local as bostas das vacas deste gandeiro supoñen unha vulneración da ordenanza de convivencia. Porén, estas atópanse nunha vía construída após a concentración parcelaria e ten por obxecto servir ao uso das explotacións gandeiras que se atopan na parroquia da Sionlla.

Desde a Federación rural galega o acontecido supón "un precedente perigoso" para @s gandeir@s da zona ao tempo que consideran "desproporcionada e incorrecta" a sanción imposta. 

Neste senso, exixen a súa retirada habida conta que a normativa municipal á que apela a Policía local se refire a animais domésticos que moran na cidade e non ás vacas que se atopna no rural compostelán.