Máis de 2.000 sinaturas para que o Valedor do Pobo ampare as mulleres que decidan abortar

[Imaxes: Maia]

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto coordinou unha entrega masiva de peticións para que a institución que preside Julio Fernández emita un informe e que a Xunta ora esixa a retirada do anteproxecto de Gallardón ora presente un recurso de inconstitucionalidade.


"Eu xa vou vella, pero vós facedes moi ben porque, quen pode decidir sobre o corpo das mulleres?", preguntou, batendo coa man na súa barriga. "As mulleres, só as mulleres", respondeuse a si propia.

Non levou nengunha folla asinada para pedir o amparo do Valedor do Pobo e denunciar perante esta institución a contrarreforma da lei do aborto. Mais chamoulle a atención a ringleira de mulleres que agardaban diante do Parlamento galego para rexistraren as súas peticións e parouse a falar un bocadiño. "Non sei se eu o faría ou non mais o que non pode ser é que obrigue outras a que non o fagan porque a conciencia individual non se pode impoñer", acrecentou. 

Unha explicación sinxela. Espontánea. Feminista. Un breve alegato en prol do dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos e a súa maternidade que resome as intencións das máis de 2.000 que si encheron un formulario dirixido a Julio Fernández Rodríguez para lle demandar "que me ampare na protección na protección dos dereitos democráticos que son inherentes á miña condición de muller galega".

As asinantes instan o Valedor a emitir o correspondente informe á Xunta da Galiza para que esta proceda a esixir en Madrid e de maneira "urxente" a retirada "inmediata" do anteproxecto de lei que o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, tería presentado en Consello de Ministr@s o 20 de decembro de 2013, tal e como informou a imprensa. De saír adiante o texto de Gallardón, as mulleres queren que o goberno galego presente un recurso de inconstitucionalidade "por afectar e vulnerar dereitos fundamentais". 

"Comprobei con preocupación como o goberno da Xunta da Galiza se negou en reiteradas ocasións a defender o meu dereito á igualdade e os dereitos humanos que me asisten como muller galega"

"Somos conscientes de que o que estamos a facer é un acto simbólico", recoñeceu Pilar Estévez, integrante da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, antes de encetar a acción simbólica e en declaracións aos medios de comunicación. Con todo, Estévez non dubidou en subliñar "a enorme importancia" que teñen tanto a acción deste sábado con máis de 2.000 sinaturas conseguidas coma a acción da cuarta feira 19, onde por volta de 500 mulleres rexistraron os seus corpos para protestar contra a lei que pretende impor o goberno español.

Ou que, cando menos, filtrou a modo de globo-sonda, pois xa o propio presidente, Mariano Rajoy, falou de recuar e que os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, no cando de os facer retroceder até os anos 60, viaxen só até 1985. En todo caso, Madrid planea un recorte na autonomía delas sobre os seus corpos limitando unha práctica que, se ben nunca foi recoñecida como dereito, si que estivo (e está, polo de agora) despenalizada a respeito duns prazos e duns supostos, permitindo que as mulleres decidan se queren ser nais e cando.

"Solicito a esta institución proceda emitir o informe correspondente para que o Goberno da Xunta de Galicia esixa, de forma urxente, a retirada inmediata deste anteproxecto de lei e, caso prosperar a súa aprobación, interpoña recurso de inconstitucionalidade"

Así as cousas, nos milleiros de escritos que chegaron a mans do Valedor, as asinantes recorren á Constitución española e aos acordos internacionais que foron ratificados polo Estado español para denunciaren a súa "discriminación" que supón denegar un procedemento clínico que, como é obvio, é requirido só por mulleres.

Así o estabelecen as Nacións Unidas a través do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller. Partindo da premisa que os abortos se van seguir realizando, sexa con esta ou con outra lexislación, esixen deixar a lexislación tal e como está --a lei do ano 2010-- para non conducir as grávidas que non queren ser nais "a situacións que constitúen un trato cruel, inhumano e degradante". A acción reivindicativa xuntou por volta de cen mulleres ás portas do Parlamento galego e contou co apoio das deputadas Carme Adán (BNG), Carme Acuña (PSdG-PSOE) e Yolanda Díaz (AGE).

 

NOTA: os entresacados colocados nesta información foron tirados de maneira textual do escrito de amparo presentado perante o Valedor do Pobo.