Máis de 2.000 establecementos e entidades de 17 concellos suman forzas contra as violencias machistas

A campaña 'En negro contra a violencia' decorrerá desde esta sexta feira, 18 de novembro, até o 25.

Un total de 17 concellos galegos únense á campaña 'En negro contra a violencia', que ten como obxectivo formentar acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais.

A campaña comeza esta sexta feira 18 e rematará o 25 de novembro de forma simultánea en todos os concellos adheridos. De momento son case 2.000 os establecementos e entidades que participarán da campaña nos 17 concellos.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, cidade na que naceu este proxecto, lembrou que "a lacra das violencias machistas é unha cuestión que afecta a toda a sociedade". Por iso", engadiu, "é preciso reivindicar un pacto de Estado e a unión de todos os partidos políticos ante isto, como estamos a facer estes 17 concellos dende o ámbito municipal". 

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, o ano pasado, o Concello de Santiago puxo en marcha a campaña de sensibilización “Compostela, en Negro”. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en dor e denuncia por todas as mulleres que sofren violencia machista.