Máis de 1.700 controis das restricións fronte a Covid durante a ponte de San Xosé

Control de mobilidade pola pandemia no entorno de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
En concreto, 2.650 axentes da Garda Civil e da Policía Nacional realizarán 1.715 controis durante esta ponte do 19 de marzo. O dispositivo especial iniciouse coa entrada en vigor das novas medidas acordadas pola Xunta.

Segundo detallou o delegado do Goberno na Galiza Javier Losada, os dispositivos especiais deseñados para o cumprimento das normas impostas pola Xunta comezaron a funcionar unha vez analizadas as novas restricións, en vigor desde a pasada medianoite.

"Non estamos para baixar a garda. Debemos cumprir as normas, debemos ter responsabilidade e debemos evitar volver atrás", salientou o delegado do Goberno.

Son, en total, 2.650 os axentes da Policía Nacional e a Garda Civil os encargados deste control. Unha parte, aclarou, céntrase nos accesos a Galiza, xa que está prohibida tanto a entrada como a saída do territorio salvo causa xustificada.

Apoio á hostalaría

Para o apoio á hostalería e garantir o cumprimento das restricións, outra parte do dispositivo centrarase neste sector, con labores de control e vixilancia continua nos diferentes estabelecementos. "Buscamos protexer aos hostaleiros e á actividade da hostalería á vez que se protexe aos usuarios", engadiu.

Por último, outra das áreas de interese para os 1.715 dispositivos despregados entre hoxe e o domingo por todo o país son as zonas de segundas residencias, costeiras e turísticas, que contan cun reforzo de presenza policial. 

Porén, Javier Losada fixo un chamamento á cidadanía: "Que se movan o menos posíbel esta ponte e tamén na Semana Santa", concluíu.