Máis de 155.000 sinaturas piden a fin das touradas na Coruña

Defenden que o Concello non subsidie máis eventos dese tipo. Desde 2011 o goberno local da cidade gastou máis de 700.000 euros en promover touradas nun recinto público.

 

A plataforma Galiza, Mellor Sen Touradas, a Asociación Animalista Libera e o director europeo da Fondation Franz Weber, fixeron entrega na mañá desta sexta feira no Concello da Coruña das máis de 155.000 sinaturas que reclaman a abolición das touradas na cidade e “a modificación da política de apoio que o actual goberno municipal mantén para os grupúsculos taurinos”.

@s responsábeis da iniciativa lembran como a actual empresa concesionaria, “da que forma parte un antigo edil do Partido Popular, tentou regalar máis de 5.000 convites para que a última edición da "minifeira" taurina que tivo lugar no Coliseum non amosara pésimos datos de participación”. Aínda así, como lembrou o voceiro da coalición abolicionista, Rubén Pérez, o "lobby" taurino non foi quen “de enganar e de reverter o seu contexto de fracaso continuado”.

Fondos públicos

O goberno de Carlos Negreira, denuncian, gastou máis de 700.000 euros na organización e promoción de touradas. As organizacións demandaron no escrito rexistrado no Pazo de María Pita a rescisión incondicional da actual licitación do contrato de organización da feira taurina por notorias causas de interese público, como o feito de que a maioría social rexeite subsidiar cos seus cartos este espectáculo aberrante e cruento.

Na entrega estiveron apoiados polos edís Avia Veira (BNG) e César Santiso (EU-V) así como representantes de Podemos e Equo.