150 colectivos botan a andar a 'Iniciativa galega pola gratuidade na sanidade'

[Imaxe: M.Montero]

Confirman as 14 concentracións que se realizarán o 8 de novembro diante doutros tantos hospitais do País e recalcan que a "batalla social" non vai parar até que a Xunta anuncie que non vai aplicar na Galiza a resolución que obriga a pagar polos fármacos.


Máis de 150 colectivos "representativos da sociedade galega" presentaron esta cuarta feira en rolda de imprensa a Iniciativa galega pola gratuidade na sanidade. "O dereito á saúde non pode ir en función do poder adquisitivo", proclamou o alcalde de Riotorto, Federico Guitiérrez Estoa, quen fixo as veces de voceiro da nova plataforma.

Nun manifesto conxunto aprobado na asembleia nacional desta fin de semana, exixen que a Xunta de Galiza se opoña á aplicación tanto do real decreto 243/2012, que estabelece o repagamento do transporte sanitario non urxente ou o material ortoprotésico; coma a resolución da Dirección xeral da carteira básica de servizos do sistema español de saúde e farmacia --do 10 de setembro de 2013--, que fixa a obrigatoriedade de que @s doentes crónic@s paguen polos fármacos. Na mesma liña, queren que o Goberno galego inste o ministerio de Sanidade a derrogar ambas as dúas normas. 

Unha ''multa" por ter cancro

Con estes obxectivos, confirmaron a convocatoria de 14 concentracións noutros tantos hospitais do País o vindeiro 8 de novembro. Serán entre as 20h e as 20.30h nas seguintes cidades e vilas: A Coruña, Ferrol, Compostela, Costa da Morte (en Cee), Verín, Lugo, Monforte (na Praza de España), Barbanza (en Ribeira), A Mariña (en Burela), Ourense, O Barco de Valdeorras, Vigo, Pontevedra e O Salnés (Vilagarcía de Arousa).

"A mobilización non vai parar até que a Xunta se comprometa a non aplicar o repagamento no noso País", proclamou Gutiérrez Estoa, enfatizando que noutros territorios como é o caso de Castela-León "tamén goberna o PP e non vai aplicar unha multa por padecer un cancro". E é que con esta medida haberá que pagar por fármacos coma o Afinitor ou o Tyverb empregados para combater o cancro de mama, o Votrient para o cancro de ril ou o Temodal para os danos cerebrais. En total, 157 prestacións farmacolóxicas e 47 medicamentos.

Os concellos, ''trincheiras'' contra a ofensiva do PP

Contra isto, o rexedor riotortense recalcou que os concellos que se adheriron ao manifesto "imos operar como trincheiras" para frear as intencións do PP desde os gobernos galego e español porque "o que está en xogo é a gratuidade e a universalidade da sanidade".

Os gobernos locais que xa se sumaron á Iniciativa son, entre outros, Riotorto, Mondoñedo, San Sadurniño, Allariz, Zas, Vimianzo, Ribadeo, A Pobra do Brollón e Monforte (BNG); Cervantes, A Pastoriza, O Valadouro Pedrafita, Monterroso, A Fonsagrada, Betanzos e Lugo (PSdG-PSOE); Teo e Manzaneda (Anova); ou Boborás, Cerdido e Vilanova de Arousa (PP).

17 de novembro: mobilización nacional porque O copago mata

Os 150 colectivos que se xuntaron o sábado 26 na asembleia de Riotorto entenden que a resolución do 10 de setembro "é unha medida ideolóxica" e "unha cruzada contra a sanidade pública" que persegue tornar este dereito "nun luxo". Federico Gutiérrez recordou que non entrará en vigor até o 1 de xaneiro de 2014, polo que a prioridade agora "non é que os concellos asuman o repagamento" senón "dar a batalla social" para evitar que se implemente. O 17 de novembro está convocada máis unha acción: unha mobilización nacional que decorrerá baixo o lema O copago mata.

Con todo, de ter que chegar a asumir este gasto, o rexedor de Riotorto volveu confirmar que así o fará. "As arcas do meu concello non están boiantes mais hai que priorizar e se temos que prescindir de acometer algunha infraestrutura, farémolo", explicou. Aliás, destacou que están obrigad@s a fixar un baremo en función da renda, mais o tope máximo será alto dabondo para garantir que o 100% da veciñanza fique cuberta. 

Canda a Gutiérrez Estoa, no acto estiveron presentes Xesús Domínguez, voceiro da Plataforma de afectad@s polas preferentes en Compostela; Gonzalo Villarme, da Plataforma de emigrantes retornad@s; Manuel Dacal, coordenador xeral da Fruga.