Máis de 12.700 barcos con mercancía perigosa navegan cada ano fronte ás costas de Galiza

En 2017 circularon perante o noso país máis barcos con cargamento de risco nas súas adegas que no ano en que afundiu o Prestige (2002). As competencias en seguranza marítima continúan en mans do goberno central

O ano da catástrofe do 'Prestige' (2002) circularon polo Corredor de Fisterra 12.446 buques que transportaban materias perigosas, cualificación baixo o que se engloban produtos como hidrocarburos, gas, materiais tóxicos ou produtos corrosivos, entre outros. O 'erro' en só un deles -0,008% do total- provocou un dos maiores sinistros marítimos do noso país. En 2017 foron algo máis de 12.700 os buques con cargamento de risco que navegan fronte ás nosas costas. Sonmáis de 230 buques máis que no ano do Prestige. Embarcacións que, como denunciaban desde hai tempo colectivos da defensa do medio ambiente como a Plataforma en defensa da Ría de Arousa, entre outras, son "bombas de reloxaría potenciais".

 

Así pois, unha media de 35 barcos con mercancías perigosas a bordo pasa fronte ás costas do noso país cada día. Unha ratio que poucos territorios no Estado teñen que soportar. Os hidrocarburos continúan a ser a principal mercancía que eses buques 'perigosos' transportan na s súas adegas.

 

Unha das decisións adoptadas após o desastre do Prestige foi a de habilitar catro carrís de navegación (antes había dous) no Corredor do Atlántico, fronte a Fisterra: a 21,7 millas (40 quilómetros); 28,3 millas (52 Qm); 35,5 millas (65 quilómetros) e 39,5 millas (73 Qm) das nosas costas.

 

Dazasete anos despois do desastre do Prestige, Galiza continúa a carecer das competencias necesarias para afrontar un accidente das características do Prestige. A falta de medios e toma de decisións en Madrid impedirían actuar coa axilidade que requiren as actuacións de emerxencia. Así, e aínda que cada ano pasan pola costa galega un nutrido número de mercantes, con mercadorías perigosas, o Goberno central non contempla o traspaso das competencias en materia de seguranza marítima a Galiza.