Máis de 107.000 viaxeiros rexistráronse ante a Xunta por proceder de ‘zonas de risco’

A meirande parte deles, 62.446, proceden doutras partes do Estado fundamentalmente do Euskadi e Catalunya.

 

Un total de 107.412 persoas inscribiron os seus datos de contacto no rexistro de viaxeiros e viaxeiras que puxo en marcha a Consellería de Sanidade o pasado día 29 de xullo.

Delas 62.446, o 58,1% do total, proceden das distintas comunidades autónomas con comunicación obrigatoria, concretamente 29.783 do País Vasco, 24.150 de Cataluña, 3.674 de Aragón, 3.011 de Navarra e 1.828 da Rioxa.

Así mesmo rexistráronse 449 viaxeiros que chegaron dos países cun risco epidemiolóxico máis elevado. Concretamente 121 dende Estados Unidos, 75 de Luxemburgo, 75 de México, 46 de Brasil, 42 da República Dominicana, 33 de Romanía, 22 de Chile, 16 de Ecuador, 11 de Perú e 8 de Colombia.

O resto dos casos corresponden a viaxeiros doutros países con risco epidemiolóxico menos elevado que os anteriormente citados ou a viaxeiros que se rexistraron voluntariamente, xa que proveñen de comunidades autónomas e países que non son de declaración obrigatoria.

A Consellería de Sanidade lembra que todos os viaxeiros que cheguen a Galiza, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 3’5 veces superior á de Galiza, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias. Esta norma é de obrigado cumprimento, independentemente de que os viaxeiros residan na nosa comunidade ou non.