Máis de 1.000 incidencias, o balance do paso de 'Domingos' pola Galiza

Un vehículo pasa por unha balsa de auga no concello de Oleiros (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
As tarefas de prevención de risco por parte dos servizos de emerxencias suman 140, os postes e cables nas vías de circulación 107 e 38 incidentes relacionados cos restos de accidentes e derrubes de terra e pedra. Con todo, tamén houbo inundacións en estradas (34), derrubamentos (23), anegamentos en vivendas (14) e as balsas de auga (11).

A borrasca Domingos deixou na Galiza unha chea de incidencias. En total 1.166 como ríos desbordados, árbores caídas e estradas cortadas. Segundo informou o 112, o problema máis recorrente durante esta xornada de meteoroloxía adversa foi de casos relacionados cos fortes ventos e chuvias (659).

As tarefas de prevención de risco por parte dos servizos de emerxencias suman 140, os postes e cables nas vías de circulación 107 e 38 incidentes relacionados cos restos de accidentes e derrubes de terra e pedra. Con todo, tamén houbo inundacións en estradas (34), derrubamentos (23), anegamentos en vivendas (14) e as balsas de auga (11).

Caída de árbores

Nas últimas horas, os incidentes máis destacados fan referencia á caída de árbores nas estradas e rexistráronse tamén varios accidentes de circulación deste tipo.

A maioría, sen producirse danos persoais, como ocorreu no quilómetro 31 da OU-531, en Ramirás, na N-120 ao seu paso por Pantón e na parroquia santiaguesa de Aríns.

Por outra parte, un condutor necesitou asistencia sanitaria despois de caer unha póla sobre o seu coche cando circulaba polo quilómetro 29 da OU-531, en Celanova. O home puido saír ao exterior polos seus propios medios.

En Rubiáns, Vilagarcía, árbore de grandes dimensións caeu sobre un turismo estacionado no que había xente dentro, pero non houbo que lamentar persoas feridas.

Tamén, as árbores e pólas produciron incidencias no tráfico en vías como a A-55 (Vigo), a AG-46 (Moaña), a N-120 (Quiroga), a LU-540 (Viveiro), a AG-64 (Narón), a PO-221 (Campo Lameiro), a N-642 (Burela) ou a N-634 (Guitiriz). A maioría foron avisos de particulares que se atopaban con árbores obstaculizando polo menos un dos carrís de circulación.

Caídas de fachadas

Na tarde do sábado tamén houbo varias incidencias relativas á caída de partes de fachadas á rúa. No municipio de Moaña, na rúa de Ramón Cabanillas, un particular alertou dunhas chapas dun edificio que estaban a piques de desprenderse.

En Xubia, na localidade de Narón, tamén houbo avisos similares xa que caeron anacos da parede exterior dun inmóbel sen causar danos persoais. Tamén na Coruña varios particulares informaron de cascotes que caeron nas estrada na rúa de San Amaro.

O vento rexistrado nas últimas horas, que chegou a alcanzar refachos de 183km/h en Lugo, afectou os tellados dalgunhas vivendas. Así, na localidade de Noia unha cuberta caeu á beirarrúa e causou danos en coches estacionados na rúa de Brasil.

Na mesma localidade, un particular indicou que lle saira voando o tellado da terraza e que esta comezaba a asolagarse. Ocorreu na rúa República Arxentina.

Inundancións

As choivas tamén produciron incidencias nas cales foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencias. En Oubiña, pertencente á localidade de Cambados, un vehículo quedou bloqueado no medio dunha balsa de auga, e en Ribadumia un home foi auxiliado por Protección Civil.

Este último alertou directamente a central de emerxencias de que estaba nunha estrada asolagada e que o nivel da auga chegáballe á porta. Finalmente, conseguiu saír do vehículo polos seus propios medios.

O desbordamento dun río provocou a inundación de varios baixos comerciais e do centro urbano de Caldas de Reis. Tamén sucedeu en Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Pontevedra, Arbo ou Padrón.

Así mesmo, a meteoroloxía adversa deixou varias zonas da Galiza sen luz, como Ferrol, Marín, Narón, Folgoso do Courel, Cuntis, Vigo ou O Pino.

No Pino un particular alertou ao 112 de que caera un raio nunha torre de alta tensión o que deixou sen luz a área da Ponte Carreira. En Mos rexistrouse outro aviso pola caída dun raio, esta vez nun cadro de electricidade que ardeu sen causar danos maiores.

Voos cancelados

O vento deixa algúns voos cancelados como no aeroporto de Santiago o avión que tiña que despegar ás 10.30 horas con destino Madrid.

No aeroporto de Vigo, dous voos procedentes ou destino Madrid foron cancelados na mañá deste domingo, do mesmo modo que sucedeu no aeroporto da Coruña.