Maios para festexar a fin do inverno

[Imaxes desdemiinstagrama.blogspot.com]

Nestas datas vilas e cidades galegas reproducen unha tradición que se remonta á Prehistoria, foi prohibida polo cristianismo e fagocitada pola igrexa. 

A festividade dos Maios remóntase á Prehistoria, se ben as persoas que estudaron esta festividade non coinciden cento por cento en fixar un marco temporal concreto, as máis sosteñen que se podería tratar dunha serie de ritos que comezaron a se desenvolver no Neolítico e que estarían vencellados a cultos agrarios ou de fecundidade, asegura o historiador Clodio Rodríguez, autor de diversas publicacións e estudos arredor dos maios. O obxectivo destes ritos era afastar as choivas para conseguir abundantes colleitas após a sementeira, festexar o remate do inverno e a aparición dos primeiros froitos. 

O I Concilio de Braga prohibiu esta tradición que pertencían, segundo a igrexa de Roma, á "herexía priscilianista"

Ao longo dos séculos a festividade foi manténdose no noso país até a cristianización do Reino Suevo de Galiza en boa medida da man de Martiño de Dumio ou Martiño de Braga, un bispo coñecido como o Apóstolo dos Suevos pola influencia que exerceu sobre os dirixentes do reino. 

O traballo desenvolvido por Martiño de Dumio na súa teima por erradicar estas prácticas pertencentes á denominada "herexía priscilianista", permitiu tamén un rexistro das mesmas na súa obra De correctione rusticorum

O papa Gregorio Magno instou a fagocitar estas festas para que a poboación estivese máis predisposta "a gostar das ledicias espirituais da fé cristiá"

A igrexa de Roma prohibiría no I Concilio de Braga (séxulo VI) e após a conversión ao catolicismo do rei suevo Teodomiro, o desenvolvemento de calquera festa ou rito que fixese parte do denominado Ciclo de Maio.

Porén, ao mesmo tempo, o Papa Gregorio Magno chamaría a non as suprimir senón a trasladar "os festíns que celebran aquelas xentes"  ao "día das festas dos santos mártires co fin de que, conservando algunhas das súas groserías, alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gostar das ledicias espirituais da fé cristiá", recolle o historiador Clodio Rodríguez no libro Os maios en Galiza. 

Así, mantéñense estas tradicións, ora ben, como parte do santoral. Eis o 23 de maio (San Xurxo), 25 de maio (San Marcos), 29 de maio (San Pedro Mártir), o primeiro de maio (San Felipe), 3 de maio (Invención de Santa Cruz) e o día 9 de maio (San Martiño e San Gregorio). Porén, o Ciclo de maio prolóngase, segundo algúns autores, até o solsticio de verán, data tamén cristianizada através de San Xoán. 

Así as cousas, esta tradición non é exclusiva da Galiza senón que se atopan tamén noutros territorios europeos como Saxonia ,Burdeos , Provenza, Baviera, Suecia ou Noruega, entre outros documentados polo historiador Clodio Rodríguez. Iso si, con ritos ben diversos. 

O despoboamento, a emigración e a merma da actividade agraria farían desaparecer practicamente a festividade dos maios

O envite cristián non remataría coa festividade no noso país como o faría a evolución demográfica e a transformación económica. A emigración, o despoboamento rural e con el a merma da actividade agraria --cerne da festa dos maios-- pasarían factura a esta tradición que, no entanto, foi recuperada através da vontade de administracións públicas e colectivos sociais através, en moitos casos, de concursos que premian a orixinalidade dun elemento central da festa dos maios na Galiza. 

Os maios
O historiador Clodio Rodríguez detalla nas súas publicacións as distintas formas --humanas e figurativas-- que poden adquirir os maios. Na actualidade, as máis habituais que se poden atopar en cidades como Compostela, Ourense ou Pontevedra son estas últimas. Trátase de construcións que lembran a forma primitiva e adquiren unha estrutura piramidal, cónica ou en forma de arco revestida de flores e plantas que percorren as rúas ao son da música e de coplas tradicionais que pregoan a chegada da primavera.