"A maioría da xente ten unha visión errónea da muller musulmá"

[Imaxe de arquivo / Doblellave]

"Estase a pór en cuestión a igualdade entre mulleres" asegura Ezzhara musulmá practicante residente na Galiza desde hai 10 anos ao fío da prohibición do uso do burkini en praias da Costa Azul. 

A prohibición do traxe de baño integral ou 'burkini' nalgunhas praias da Costa Azul iniciou o debate noutros territorios europeos a respeito do uso desta prenda ou non nos areais. Fíxoo de igual maneira que após a prohibición do burka e o niqab (2010) desde 2010 nas rúas e o hijab desde 2004 nas escolas públicas agás a universidade. Porén, os medios de comunicación apenas recollen as opinións das mulleres musulmás. Que pensa do acontecido unha muller practicante do Islam? 

Conversamos telefonicamente con Fátima Ezzhara, natural de Marrocos mais residente na Galiza desde hai máis dunha década. Hai catro anos Fátima Ezzhara decidiu pór o veo. "Meus pais non querían que o usase por medo ao rexeitamento" social que, entenden, lle carrexaría nun país occidental. Tamén usa burkini pois, explica, "o veo é para todo, non é para o pór agora ás catro da tarde e quitalo ás cinco". Nese senso, afirma, "non é nada novo que as mulleres musulmás vaian vestidas á praia". "Eu non quero que me vexan o corpo e outras [mulleres] queren que se lles vexa, o que quero é que me respecten". 

Non é nada novo que as mulleres musulmás vaian vestidas á praia

Para Fátima Ezzhara "a maioría da xente ten unha visión errónea da muller musulmá" cando coida que "está obrigada a levar o velo". "Eu elixín levalo e se vou á praia o que quero é ir cómoda en traxe de baño". "Facémolo por liberdade propia" subliña mentres lembra que a lexislación "di que se pode profesar calquera relixión". "Eu elixo esta". Fátima Ezzhara explicou en TEDx as razóns que a levaron a usar o hijab nunha palestra intitulada 'O meu veo a miña decisión'.

Ezzhara rexeita o feito de que as mulleres musulmás leven veo ou burkini por imposición. "Quen non o usa non o pon" afirma en relación á realidade que atinxe as praias en Marrocos, por exemplo. "Nos nosos países é habitual o que nos sorprende é que se prohiba aquí".

Estase a pór en cuestión a igualdade entre mulleres

Fátima coida que a presenza de burkinis nas costas europeas responden maioritariamente ao turismo procedente de países musulmáns ao tempo que "o 90% dos musulmáns que residen en occidente acuden aos seus países natais no verán, o grande exemplo é o Porto de Bahía de Alxeciras" polo que, asegura, medidas como as da Costa Azul teñen, para alén do máis, "consecuencias negativas sobre o turismo". 

Así as cousas o máis "contraditorio", di, é que se prohiban dereitos apelando á liberdade. "Moito falamos da igualdade entre mulleres e homes mais aquí estase a pór en cuestión a igualdade entre mulleres". É "unha falta de respecto", di. Así, rexeita de maneira taxativa as referencias que as autoridades políticas e xudiciais francesas fixeron do burkini e o jihadismo, "Iso é o mesmo que dicir que todas as mulleres con veo somos terroristas".