A maioría dos concellos galegos non contan con brigadas municipais contra o lume por atrasos da Xunta

Incendio no Courel na tarde do domingo. (Foto: Oscar Carrete)

As denuncias pola ausencia de medios repítense naqueles concellos máis afectados polos lumes. Veciñanza, autoridades locais e membros das brigadas de extinción de incendios da Xunta critican a falla de persoal e equipos para combater as chamas así como a descoordinación do operativo do Goberno galego.

A totalidade dos concellos do distrito forestal VIII, onde se inclúen Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón ou Quiroga, non conta a esta altura do verán con brigadas municipais contra incendios en funcionamento polos atrasos da Xunta da Galiza á hora de enviar a estes municipios os convenios correspondentes. A situación repítese nas localidades incorporadas ao distrito forestal XII, do que fan parte, entre outras, O Barco de Valdeorras e Carballeda de Valdeorras.

Un problema análogo sucede cos convenios promovidos polo Goberno galego para financiar aos concellos o uso de motobombas, que provocou que en localidades como Folgoso, algúns dos vehículos existentes non puidesen ser utilizados para combater os lumes.

As dotacións das brigadas xestionadas directamente pola Xunta da Galiza tamén presentan moitos problemas. Neste caso, traballadores dos servizos de extinción de incendios da Consellaría de Medio Rural sinalan a Nos Diario que "a esta altura do mes de xullo, coa máxima alarma por lumes decretada desde primeiro de mes, atopámonos con brigadas formadas pola metade dos efectivos e nalgún caso só polo seu responsábel". Nesa dirección, as fontes consultadas denuncian que "a Xunta da Galiza négase a cubrir as baixas e vacantes que se producen nas brigadas, polo que é normal que os seus cadros de persoal estean minguados".

Javier Monterde é un comerciante da Pobra do Brollón. As súas primeiras palabras a Nós Diario son para denunciar "a falla de medios" e agradecer "o labor desenvolvido polos poucos brigadistas que están facendo aquí o seu traballo, xogándose a pel a cada momento e que continúan traballando exhaustos após duplicar e triplicar quendas". Na mesma liña, non agocha "a frustración, o medo e a desesperación de ter que enfrontar estes incendios cunha mangueira e unha cisterna".

Os membros das brigadas de extinción de incendios desprazados á Pobra do Brollón quéixanse da "falla de medios e da descoordinación do operativo, agravado coa chegada de axentes que non coñecen a zona". Asemade, significan que "o obxectivo é salvar as vivendas e isto está provocando que arda máis masa forestal", porén, "actualmente hai máis de 100 persoas desaloxadas das súas casas durmindo no pavillón municipal, trátase de veciñanza dos lugares da Parda de Montes, Salcedo, Saa, Lourente e Lebón".

Courel

Adrián González é un veciño de Santa Eufemia, no Courel, desaloxado da súa vivenda no domingo. "No Courel non hai brigada contra incendios en funcionamento a esta altura do verán e de feito non deixaron usar unha motobomba parada desde hai moito tempo en Folgoso", afirma a Nós Diario, denunciando que "os medios chegaron tarde e a Unidade Militar de Emerxencia provocou máis desorganización no operativo".

O lume arrasou na xornada de onte varios núcleos do Courel, entre eles Vilar. Arredor de 100 veciñas e veciños desprazados durmiron no pavillón de Folgoso, tras unha tentativa do concello de trasladalos a Triacastela. 

A situación non está mellor en Valdeorras após desprazarse a zona de perigo ao concello do Barco. Así, na parroquia de Alixo, resultaron arrasadas polo lume 15 vivendas, trasladándose o risco aos núcleos de Santa Mariña e Santigoso. Neste caso, a falla de medios humanos e de equipos é perceptíbel por parte da veciñanza e dos membros das brigadas contra incendios.

Valdeorras

A deputada por Valdeorras do BNG, María Albert, lamenta que a Xunta non fixese caso das advertencias a este respecto da oposición. Critica que "os convenios de loita contra os incendios cos concellos están maioritariamente sen asinar polo que as brigadas municipais non están traballando"."Unha escaseza de medios que consideramos incomprensíbel a mediados de xullo", afirma Albert.

Máis hectáreas arrasadas estes días que en todo 2021

Segundo Medio Rural, a Galiza chegaba onte ás 13.800 hectáreas arrasadas (o ano pasado foron 4.400). En alerta de nivel 2 (risco para vivendas) están Riodolas (Carballeda de Valdeorras), Vilamor (Folgoso), Padroalbar (Vilariño de Conso), Saa (A Pobra do Brollón). A alerta 2 desactivouse en Videferre e San Cibrao (Oímbra) e en Ramil (Palas de Rei). 30 núcleos de poboación foron desaloxados e 750 persoas evacuadas.