Maiores de 80 anos protestan polos 'vacinódromos': "Temos que desprazarnos varios quilómetros"

Persoas maiores piden ser vacinadas nos centros de saúde. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O Sergas defende a inoculación da dose de reforzo da vacina contra a Covid-19 nestes centros de referencia e alega que, quen non poida acudir, recibirá o fármaco na "repesca" no centro de saúde ou o domicilio.

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG denunciou esta cuarta feira as "dificultades" dos maiores de 80 anos que son convocados para a dose de reforzo da vacina contra a Covid-19 para acudiren aos centros de vacinación, os coñecidos como 'vacinódromos'.

Segundo remarcan nun comunicado, trátase de persoas que, na súa maioría, xa non conducen, e ás que lles supón tamén "un trastorno enorme" trasladarse desde os seus lugares de residencia aos hospitais de referencia.

Como exemplo, sinalan que as persoas chamadas a vacinarse que viven do outro lado da ría de Vigo "teñen que coller primeiro un barco e despois un taxi para chegaren ao hospital", algo que cualifican de "despropósito". E engaden que, co inverno xa próximo, "non é de recibo facer que as persoas maiores que veñen do rural teñan que percorrer 30, 40 ou 50 quilómetros, facer colas de pé, ao frío e quizais baixo a choiva".

É por iso que o colectivo reclama que se reforce o persoal sanitario nos centros de saúde e que sexa nestes lugares, "máis próximos aos fogares", onde se inocule a dose de reforzo.

Mocións do PSdeG

Na mesma liña, o secretario xeral do PSdeG en Lugo, José Tomé, anunciou que os socialistas presentarán mocións nos concellos da circunscrición para "exixir" á Xunta que vacine da Covid-19 nos centros de saúde ou PAC de referencia, a fin de que o Goberno galego "rectifique unha medida que está a provocar gran malestar nos veciños".

"A diferenza do que se fixo en campañas de vacinación anteriores, na que os maiores acudiron ao centro de saúde e ao PAC de referencia, agora obrígaselles a realizar, en gran parte dos casos, un longo desprazamento de ida e volta, de moitos quilómetros, para poder vacinarse", remarcou Tomé.

Consideran tamén que a Xunta estabelece con esta medida un "copagamento" aos maiores para poderen recibir a vacina, "xa que teñen que pagar do seu peto o custo do desprazamento, co que a gratuidade da prestación sanitaria deixa de ser tal".

O Sergas defende os 'vacinódromos'

Fronte a isto, o Sergas defendía en días pasados as citas en grandes recintos polo alivio de presión que supón para a Atención Primaria, por unha parte, e por outra indicaba que foron os propios colectivos os que pediran acudir a recintos máis grandes, entendendo que "é máis fácil aparcar" e que "hai un servizo de axuda" para os maiores con problemas de mobilidade ou de calquera outro tipo. Esta argumentación sostíñaa tamén o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a semana pasada durante a rolda de prensa de presentación da campaña da gripe.

Desde o Sergas precisan, aliás, que no caso de que non se poida acudir á cita, está planificada desde o principio a vacinación como "repesca" nos centros de saúde de cabeceira, así como nos domicilios para pacientes inmobilizados. En aproximadamente 15 días, aseguran, chámase aos maiores para seren vacinados nos seus centros de saúde ou nos seus domicilios no caso de que for preciso.

"O obxectivo é vacinar toda a poboación no menor tempo posíbel, facilitando todos os dispositivos posíbeis e sendo flexíbeis e sensíbeis a todas as circunstancias persoais e de saúde na poboación", conclúen.