Os maiores de 85 anos xa superan en Galiza as crianzas de menos de 5

Hai só unha década, en 2005, os nenos menores de 5 anos eran 101.700, polos 71.000 galegos que superaban os 85. Na actualidade os que teñen esa idade ou máis superan ás crianzas de 0 a 4 anos.

Menos poboación e cada vez máis vella. Cada estatística que se publica sobre a poboación galega é máis unha luz vermella que se acende para chamar a atención sobre un devalar que xa sobordou o preocupante para entrar directamente no alarmante. Tanto ten que os dados sexan do Instituto Galego de Estatística, como do INE (o equivalente a nivel de Estado) ou do mesmísimo 'Eurostat', a oficina europea de estatística. Emigración e baixa natalidade danse a man para conformar dous elementos principais dun combinado que conduce Galiza a ser un país envellecido e desertizado en grandes partes da súa superficie.

As propias previsións do IGE sinalan que en 2024 os xubilados duplicarán en Galiza os menores de 20 anos

Na Galiza xa son máis os habitantes que teñen 85 ou máis anos que as crianzas menores de 5: 108.813 fronte a 104.813. O ano anterior, 2014, aínda gañaban os nenos: 108.093 por 103.516 habitantes de 85 ou máis idade. Se nos retrotraemos a hai unha década, 2005, os nenos menores de 5 anos eran 101.700, polos 71.000 galegos que superaban os 85.

As proxeccións a curto prazo feitas polo INE para Galiza indican que para o 2024 o país perderá 135.000 habitantes, o que supón a diminución do 5% da poboación en apenas dez anos. Unha merma que deixa especial pegada nas provincias interiores, nomeadamente Lugo, onde esa queda é do 9,6 por cento.

Mais un dado para a preocupación é como as proxeccións amosan un progresivo envellecemento da poboación do país. Un envellecemento que levará a que en 2024 máis do 27% das e dos galegos teñan máis de 65 anos de idade. E tal e como indica o Instituto Galego de Estatística (IGE), o índice de envellecemento previsto para aquela é do 182%, o que significa que naquela altura por cada 100 menores de 20 anos que haxa en galiza haberá 182 maiores de 64.

En 2015 só 3 das 53 comarcas galegas gañaron poboación: A Coruña (461 habitantes máis que en 2014), Santiago (160) e Pontevedra (195)

Só 3 das 53 comarcas galegas gañaron poboación en 2015

En 2015 só 3 das 53 comarcas galegas gañaron poboación: A Coruña (461 habitantes máis que en 2014), Santiago (160) e Pontevedra (195). O resto, 50, ou estancaron ou perderon habitantes. Estas están sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense -que xa só acollen o 25% dos habitantes de Galiza. Comarcas como Terra de Trives, A Fonsagrada, Os Ancares, O Ribeiro, Baixa Limia ou Terra de Celanova perderon en apenas un ano entre o 1,6 e o 3,6% dos habitantes. Unha situación na que tamén atopamos comarcas da provincia da Coruña, como é o caso das de Muros, Ortegal ou Terra de Soneira. Cunha queda de habitantes de entre o 1,6 e o 0,7% están áreas como Verín, A Mariña, Xalla,as Barcala, Ordes, Terra Chá, Noia, Bergantiños... E entre ese -0,76% e 0 atopamos Vigo, Baixo Miño, O Salnés, A Barbanza, Ourense ou Terra de Lemos.

Das 7 cidades principais de Galiza, 5 perderon habitantes durante o ano pasado.

A situación é preocupante, reiteran expertos e analistas. Non é que o rural perda habitantes mentres a cidade os gaña. De feito, en 2015, só 2 das 7 cidades galegas con máis de 50.000 habitantes gañaron poboación. Foron Pontevedra (144 persoas máis) e Vigo (227). O resto, cara abaixo. Así, en termos númericos quen máis perdeu foi Ferrol, 586 habitantes menos en só 12 meses, situándose a súa pobiación por baixo dos 69.000 habitantes. Ourense perdeu 447 habitantes (fica en 104.000) e Lugo, 164 (96.969). Compostela perdeu 101 persoas no seu censo en 2015 (está en 95.988) e A Coruña, 66 menos (241.069).

O 38% dos galegos viven nas sete principais cidades galegas, o que supón na práctica 4 de cada 10. O 75% dos galegos viven nas provincias da Coruña e Pontevedra.