Saúde

O maior estudo da historia sobre saúde mental alerta: "Tes 50% de posibilidades de sufrir un trastorno psíquico"

A pandemia aumentou os problemas de saúde mental. (Foto: Kenjo)
O autor principal, o profesor McGrath, sinalou que os resultados demostran a alta prevalencia dos trastornos de saúde mental, co 50% da poboación desenvolvendo polo menos un trastorno ante da idade de 75 anos.

Un estudo publicado na revista The Lancet Psychiatry e codirixido por investigadores da Universidade de Queensland (Australia) e a Facultade de Medicina de Harvard (EUA) revelou que unha de cada dúas persoas desenvolverá un trastorno mental ao longo da súa vida.

O profesor John McGrath, do Queensland Brain Institute, o profesor Ronald Kessler, da Facultade de Medicina de Harvard, e os seus colegas doutros 27 países analizaron datos de máis de 150.000 adultos de 29 países entre 2001 e 2022, extraídos da maior serie coordinada de entrevistas persoais xamais realizada, a iniciativa chamada 'Enquisa Mundial de Saúde Mental da Organización Mundial da Saúde'.

Nas enquisas, utilizouse a 'Entrevista Diagnóstica Internacional Composta' da Organización Mundial da Saúde (OMS), unha entrevista de diagnóstico psiquiátrico totalmente estruturada, para avaliar a idade de aparición, a prevalencia ao longo da vida e o risco mórbido de 13 trastornos mentais até os 75 anos en todas as enquisas por sexo.

O autor principal, o profesor McGrath, sinalou que os resultados demostran a alta prevalencia dos trastornos de saúde mental, co 50% da poboación desenvolvendo polo menos un trastorno ante da idade de 75 anos.

"Os máis frecuentes son os trastornos do estado de ánimo, como a depresión grave ou a ansiedade", explicou McGrath, que engadiu que tamén descubriron que "o risco de padecer certos trastornos mentais difería segundo o sexo".

A investigación indica que os tres trastornos mentais máis comúns entre as mulleres son a depresión, a fobia específica -ansiedade incapacitante que interfere na vida cotiá- e o estrés postraumático (TEPT).

Pola súa parte, segundo o estudo, os tres trastornos mentais máis comúns entre os homes son o abuso de alcol, a depresión e a fobia específica.

A investigación tamén descubriu que os trastornos mentais adoitan aparecer por primeira vez na infancia, a adolescencia ou a mocidade. "A idade máxima de aparición foi aos 15 anos, cunha idade media de aparición de 19 anos para os homes e 20 para as mulleres", apuntou o profesor McGrath.

“Investir en neurociencia”

"Isto reforza a necesidade de investir en neurociencia básica para entender por que se desenvolven estes trastornos", engadiu o investigador.

Pola súa pate, o profesor Kessler afirmou que tamén é necesario investir en servizos de saúde mental centrados especialmente nos mozos.

"Os servizos deben ser capaces de detectar e tratar con prontitude os trastornos mentais máis comúns, e estar optimizados para adaptarse aos pacientes nestes momentos críticos da súa vida", manifestou Kessler.

"Se coñecemos a idade á que adoitan aparecer estes trastornos, poderemos adaptar as intervencións de saúde pública e asignar recursos para garantir que as persoas en situación de risco dispoñan dun apoio adecuado e oportuno", resaltou Kessler.

Segundo os investigadores, os resultados achegan información valiosa sobre a frecuencia e o momento de aparición dos trastornos mentais en poboacións moi diversas.