Maior afluencia nos trens na primeira mañá de viaxes gratuítas

Persoas na estación de tren de Santiago de Compostela, nunha imaxe de arquivo. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Os descontos e abonos gratuítos aprobados polo Goberno estatal para os trens comezaron a aplicarse esta quinta feira, que comezou con maior afluencia do habitual durante a mañá.

Os trens que percorreron a Galiza a primeira hora do 1 de setembro fixérono cunha maior afluencia do que era habitual debido á posta en marcha dos descontos e abonos de balde aprobados polo Executivo do Estado co fin de suavizar o impacto da inflación.

As viaxeiras e viaxeiros de trens de media distancia puideron xa beneficiarse dos bonos multiviaxes de balde, mentres que as usuarias e usuarios de tren Avant, que percorren a liña da Coruña a Ourense, tiveron o 50% de desconto no traxecto.

Precisamente, na cuarta feira, a ministra de Políticas Territoriais, Isabel Rodríguez, puxo de manifesto que o Ministerio de Transportes está a traballar para incluír os Avant nos abonos gratuítos de Renfe, tras as múltiples queixas de partidos políticos como o BNG e Podemos, membro da coalición de Goberno.

Para beneficiarse das viaxes de balde, as persoas interesadas teñen que adquirir o novo abono que creou Renfe especificamente para aplicar esta medida até o 31 de decembro, previo pago dunha fianza de 20 euros que se devolverá a condición de que se realicen polo menos 16 viaxes.

No caso da Media Distancia, o abono terá unha orixe e un destino fixado polo viaxeiro, polo que se terá que viaxar 16 veces entre esas dúas estacións para que sexa gratis, sempre unha única persoa.

Desta forma, a gratuidade quedou limitada aos viaxeiros frecuentes que traballen ou estuden e non a calquera cidadán que colla esporadicamente un tren por outros motivos, que seguirá pagando a tarifa actualmente en vigor ou os 20 euros de fianza se sae máis económico coller o abono aínda que sexa para menos de 16 viaxes.

Descontos da Xunta no bus e no barco

Tamén esta quinta feira, co inicio do mes, comezou a aplicarse a bonificación do 50% do billete dos bonos multiviaxe do autobús interurbano, do transporte da ría de Vigo e do tren da área de Ferrol. Unha medida que aínda anunciou na cuarta feira o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A rebaixa incluirá os bonos xa adquiridos con anterioridade, "con efecto retroactivo", e aplicarase ás viaxes coa Tarxeta de Mobilidade da Galiza e a Tarxeta Xente Nova.