Madrid: metro ateigado de xente no primeiro día laborábel do confinamento

Queixas e protestos de usuarias por unha situación “vergoñenta” e que entenden que vai contra os criterios para evitar a propagación do COVID-19.

Dos 7.700 casos rexistrados de coronavirus en todo o Estado español, máis de 3.500 están en Madrid, sinalada como unha das ‘zonas vermellas’ do COVD-19. A pesar desas cifras, da aplicación do estado de alarma e das constantes e reiteradas chamadas de administracións e autoridades sanitarias a evitar aglomeracións para non favorecer a expansión do virus, o primeiro día laborábel de ‘confinamento’ deixa imaxes para a preocupación.

Usuarias do metro de Madrid puxeron nas redes sociais imaxes de como ían os vagóns deste medio de transporte a primeiras horas da mañá: ateigado de pasaxeiros e pasaxeiras, cheos, facendo imposíbel respectar consellos como o dunha mínima separación entre persoas

Desde Metro Madrid pediron polas redes sociais que “se aproveite os espazos libres” nos vagóns e plataformas, o que xerou moito malestar nas usuarias, que denunciaban que “non había un oco libre”.