Madrid fachendea de contar con "200 policías listos para pararlles os pés ás manifestantes"

Manifestación a prol da amnistía de Pablo Hasel (Foto: Vilaweb)
Begoña Villacís di que a Policía de España "non é represiva".

A  vicealcaldesa de Madrid, Begoña Villacís, afirmou que Madrid ten 200 da Policía Municipal "preparados", aos que se unirán máis efectivos da Policía Nacional, para "parar os pés" ás manifestantes a prol da liberación do rapeiro Pablo Hasel, que convocaron novas concentracións para hoxe por todo o Estado.

"Quérennos rebentar a cidade", criticou Villacís, quen avisou de que a Policía Municipal está "preparada", subliñando que se está entrando nunha deriva "que se non a revertemos é moi perigosa".

"Esta Policía é a Policía do Goberno, imaxínese como se sente un sendo un policía hoxe aquí en Madrid (...) Atoparse que o seu propio Goberno xustifica que lle agradan", reprochou ao Goberno estatal.

Tamén, enxalzou o labor dos axentes, que son "cidadáns normais que se poñen o uniforme todos os días e póñense a traballar para defender o resto das cidadás".

Por último, subliñou que a Policía de España "non é represiva" senón que "fai o seu traballo". "A Policía o que fai en Madrid é evitar que teñamos medo e loitar contra a xente que o causa", expresou.