As Madamas e Galáns, protagonistas do entroido de Cobres

[Imaxe: Maisgrelos] Entroido de Cobres

As danzas de Madamas e Galáns volven ser o prato forte nos días do entroido de Cobres, no concello de Vilaboa (O Morrazo). Aínda que non se coñece exactamente a súa orixe, a tradición remóntase ao século XVII.

A herdanza cultural das Madamas e Galáns pasou de xeración en xeración e mantense vive nunha celebración tan sorprendente como vistosa que ten lugar nas parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres, no concello de Vilaboa. Durante os días de entroido, de sábado a terza feira e desde o amencer até o solpor, as Madamas e Galáns percorren os distintos lugares de Cobres para agasallar cos seus bailes as veciñas e veciños. Xotas, muiñeiras, o agarradiño e a popular danza dos Cobres, propia da zona, levan a alegría porta a porta.

 

A tradición marca que Madamas e Galáns entren nas casas, sobre todo de quen non pode asistir aos actos de celebración do entroido por estaren impedidas ou impedidos, e en recompensa polo reparto de ledicia reciben unha doazón ou un agasallo. Unha tirada de foguetes agrade o ofrecemento, que remata cunha actuación na carpa en Riomaior.

 

Sen máscaras nin antifaces

A  vestimenta do entroido de Cobres, onde non se cobren as caras con máscaras nin con antifaces, cóidase ao detalle. Cintas, abelorios, reloxos… son algúns dos elementos que contribúen a darlle beleza a todo o conxunto, que destaca especialmente polos suntuosos sombreiros, verdadeiras xoias artesanais que esconden un laborioso traballo de semanas. E é que facer un sombreiro de Madama (que pode chegar a pesar 7 kg), con flores, brillantes, pequenos adornos, espellos, monecos, plumas…, leva ao redor de un mes. Rechamantes saias con encaixes, chambra branca cun peitoril con cadeas e faixas, cintas e sobresaias son as principais características do traxe das mulleres.

 

Os sombreiros das madamas poden chegar a pesar até 7 kg.

 

A vestimenta dos Galáns é semellante, en cores, á das Madamas, pois tamén se compón de sombreiro de flores, aínda que neste caso é máis lixeiro. Levan camisa branca con adornos de cintas de cores, garabata encarnada, pano de seda que cae da cintura até os xeonllos e pantalón branco con liña lateral de cor.

 

Os de Branco, nome co que se coñece outro dos personaxes do entroido de Cobres, cobren a cabeza cunha pucha plana encarnada adornada con cintas no caso de que sexan homes e no caso de que sexan mulleres portan menos abelorios que as Madamas e levan a cabeza ao descuberto. As coñecidas como Aldeás forman o final da comitiva e vístense con traxes de diferentes oficios e costumes. A vestimenta deste entroido, ao igual que os pasos e posicións que ocupaban as e os participantes nos bailes, representaba as distintas posicións económicas e os roles sociais.

 

Fecha os personaxes deste popular entroido o predicador, unha figura enigmática, que non revela a súa identidade, e que no seu discurso critica todos os acontecementos que ocorreron na vila no último ano.

 

O día grande

 

A terza feira é o día grande do entroido de Cobres. Pola mañá, as Madamas e Galáns fechan o seu percorrido para celebrar á tardiña a tradicional corrida do galo, o acto principal da xornada, que tamén conta con desfiles e xogos populares. As máis novas e os máis novos tratan de arrebatarlles aos vellos do lugar un obxecto que substitúe o galo empregado hai anos. Faise con actividades cargadas de simbolismo como son o “galo no río” ou “o galo na vara”. A primeira delas consiste nunha vara de madeira engraxada que se cruza sobre o río e pola cal as persoas participantes terán que cruzar a pé, sen caer, para coller o “galo” suxeito na punta. Quen non o consegue cae ao río sen ningunha recompensa mais quen o logra, amais do galo, leva cartos. A segunda consiste nunha vara de madeira duns cinco metros, cuberta de graxa, pola cal teñen que subir as persoas participantes para poder recoller o “galo”, que se atopa na parte máis alta. O premio en metálico está garantido para quen recupere tan prezado símbolo.

 

Na corrida do galo empregábase unha ave de verdade, práctica que caeu en desuso até que, en 1991, chegou a prohibición do uso do animal

 

Até os anos corenta, na corrida do galo empregábase unha ave de verdade, práctica que caeu en desuso até que, en 1991, chegou a prohibición do uso do animal. Porén, antano, durante a mañá da terza feira, percorríanse os galiñeiros das parroquias na busca do mellor galo. Os máis experimentados coidaban do elixido para que ninguén llo levase. Durante a tarde, os gardiáns enterraban nunha foxa o galo, deixándolle a cabeza fóra, e danzaban até que alguén do público arrincaba a correr, collía o galo pola cabeza e fuxía. Os gardiáns acababan atrapándoo e recuperaban a ave. Entraba entón en escena o predicador, que lanzaba desde o púlpito o coñecido como Sermón do Galo, que cargaba contra as veciñas e veciños. O público respondía de maneira activa facendo abanear o palco até facer baixar o predicador. As Madamas, sable de madeira na man, eran as encargadas de sacrificar o animal.

 

Este tradicional entroido non sería posíbel sen o esforzo da Asociación Cultural de Cobres, sen a colaboración do Concello de Vilaboa e, sobre todo, sen a participación de veciñas, veciños e visitantes que fan, cada ano, unha festa maior caracterizada pola súa antigüidade, pola vestimenta e polo compromiso.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]