Macromuiñeira na Coruña contra a violencia machista


O 14 de febreiro, cando o calendario di que hai que celebrar o día do amor romántico, activistas de todo o Mundo puxeron en marcha a campaña Un billón en pé, un baile simultáneo para frear a violencia contra as nenas e as mulleres.

Un baile contra os roles que perpetúa ese amor romántico: identidades herméticas de xénero e relacións de parella heterosexuais bendecidas pola Igrexa e orientadas á reprodución.

A organización Ve-la luz de mulleres en situación de violencia machista, xunto con outras entidades do eido social, político e xuvenil, organizou no Obelisco da Coruña unha macromuiñeira, a danza típica do País para secundar o chamamento internacional "á acción, sobre a base de que unha de cada tres mulleres no planeta son golpeadas ou violadas durante a súa vida".