Social

Natalia Domínguez Galán (Fiadeiras): "Os machismos non poden nivelarse, ninguén nos pode dicir se son micro ou macro"

As integrantes de Fiadeiras Ceesga, coa publicación 'Machismos: de micro nada'.
O grupo Fiadeiras traballa na inclusión do feminismo na educación social

"A educación social será feminista ou non será", afirma Natalia Domínguez Galán. Este lema resume o foco de atención de Fiadeiras, un grupo de traballo do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza (Ceesga) do que forma parte. Conversamos con ela sobre os principais desafíos que enfrontan. 

En que consiste o labor de Fiadeiras?

O Ceesga ten unha serie de grupos de traballo en diferentes eidos de intervención da educación social. Nós, concretamente, nacemos pola inquedanza de incorporar a perspectiva feminista dentro da nosa disciplina e, polo tanto, facer unha intervención integral e dirixida á cidadanía desde esta óptica. O que pretendemos é levar a cabo desde accións internas dentro do colexio para incorporar cada vez máis esa linguaxe inclusiva, non sexista, e a intervención socioeducativa desde a perspectiva de xénero, até desenvolver actividades de sensibilización, divulgación, formación... para a sociedade. Sempre en temas de feminismo e en concreto da educación social. 

Teñen tamén algunhas publicacións, non?

Si. Como grupo, queriamos recoller temas de violencias cotiás que podían xurdirnos ás mulleres polo simple feito de selo. Con esta idea, lanzamos unha campaña nas redes para que as mulleres nos contasen se sufriran o que se denomina "micromachismo", malia ser este un concepto co que non concordamos. Nós pensamos que os machismos que vivimos, aínda que sexan cotiáns, non poden nivelarse. Cada unha sénteos dunha maneira e ninguén lle pode dicir se son grandes ou pequenos, micro ou macro, pois son machismos puros e duros.

Cada unha sente os machismos dunha maneira e ninguén lle pode dicir se son grandes ou pequenos, micro ou macro, pois son machismos puros e duros

Recollemos estas experiencias das redes xunto coas que nós mesmas tiñamos. Viamos que había moitas mulleres que querían falar, e moitas que calaban porque non eran capaces de contalo, e por iso nos puxemos en marcha. Pedimos a colaboración de artistas, escritoras, educadoras sociais... para escribir unha publicación que ao final acabou sendo Machismos: de micro nada. Xa hai anos, pero tivo bastante éxito. Agora úsano moitas mestras como material didáctico nas súas aulas. Énchenos de orgullo cando isto acontece.

Por que escolleron o nome de Fiadeiras?

Hai dúas razóns fundamentais. Primeiro, responde a dar visibilidade ás mulleres que fían, ás galegas que traballan no téxtil, quer nas casas quer no sector máis industrializado. Por outra banda, hai unha metáfora de que temos que crear fíos violetas e feministas para favorecer a sororidade entre as mulleres. 

E cales identifican como os principais desafíos feministas no eido da educación social?

A educación social ten que ser feminista, ou non será. É un lema que sempre dicimos, porque non entendemos unha educación social que non incorpore en todos os seus eidos esta perspectiva. Como disciplina, a educación social ten moitos retos. Primeiro, en relación ás universidades, é preciso incorporar materias de xénero puntuais, que non todas o teñen, e facelo ademais de forma transversal, isto é, que o profesorado do Grao de Educación Social se forme en xénero e incorpore isto ás aulas. Logo, desde o colexio levamos moito tempo reivindicando unha lei de Educación Social, que ten que ser tamén, se algún día o conseguimos, feminista.

Cómpre mudar o sistema asistencialista e tratar as persoas, maioritariamente mulleres, que acoden aos servizos sociais de forma equitativa

Hai así mesmoun traballo moi importante para facer chegar a educación social feminista aos servizos sociais. Para iso cómpre mudar o sistema asistencialista e tratar as persoas, maioritariamente mulleres, que acoden aos servizos sociais de forma equitativa. E dar un cambio á intervención socioeducativa desde esa perspectiva. Como? Incorporándoa á escola, onde ten un papel moi importante en relación á coeducación. Como profesionais, poderiamos entrar na escola cun discurso feminista que susceptíbel de transformar totalmente a sociedade. Por último, outros espazos que queremos conquistar é a intervención con mulleres vítima de violencia de xénero. Actualmente estamos a reivindicar a nosa presenza nos centros de información, algo que tampouco conseguimos polo momento.