Machismo nos medios: charla en Bueu durante a entrega dos premios Johán Carballeira

A editora e feminista Llerena Perozo reflexionará este domingo sobre o tratamento da muller na prensa, coincidindo coa entrega do premio de xornalismo ás gañadoras da XIV edición María Obelleiro, directora do semanario de Sermos Galiza, e Montse Dopico. “A idea nace como unha iniciativa pioneira que pretende dar a coñecer o mundo do xornalismo desde unha perspectiva de muller”, explica a concellaría de normalización lingüística.

O Concello de Bueu prepara este domingo unha charla sobre o tratamento da muller na prensa, un acto que se enmarca na entrega dos premios Johán Carballeira, que este ano teñen nome de muller. A editora Llerena Perozo debaterá sobre o machismo nos medios de comunicación coincidindo coa entrega do premio de xornalismo ás gañadoras da XIV edición María Obelleiro, directora do semanario de Sermos Galiza, e Montse Dopico.  

“O xermolo destas charlas sobre xornalismo naceu o pasado ano, cando diversos profesionais debateron arredor do papel do xornalismo en g

alego, co obxectivo de darlle maior difusión ao acto de entrega do certame de xornalismo que se organiza dende o 2002 na vila”, aseguran desde a concellaría de normalización lingüística, responsable do acto. “A idea nace como unha iniciativa pioneira que pretende dar a coñecer o mundo do xornalismo desde unha perspectiva de muller”.

O coloquio terá lugar ás 12 horas na Sala Domínguez Búa do municipio que contará tamén cunha exposición arredor do tema. A cargo de Llerena Perozo, responsable de produción en Versátil Servizos Editoriais e feminista activa que, desde o ano 2001, traballa na formación das mulleres para falar en público, estudando o seu papel na comunicación pública dende entón, segundo destacan as organizadoras.

Unha xornada que rematará coa entrega do XX premio en categoría de Poesía, no Centro Social do Mar, o propio domingo ás 19 horas. Un recital poético antecederá a entrega a María Reimóndez do galardón polo seu poemario Galicia en bus. Contará coa presenza dos poetas Dani Costas e Xosé María Álvarez Cáccamo, ademais de presentar o libro A elegancia do século de Pura Tejelo, anterior gañadora do certame. O cuarteto Staccato da Banda de Música Artística de Bueu porá música o evento.