Machetada á Lei de Dependencia

A persoa dependente terá que afrontar o 90% dos gastos da súa atención. Os territorios recibirán 200 millóns menos. O Estado rebaixa a paga das familiares coidadoras no 15%, e perderán a Seguridade Social o 31 de agosto

"Non temos nada de que nos avergoñar. Podemos saír de aquí coa cabeza ben alta". Díxoo o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, o mesmo día en que o BOE --Boletín Oficial do Estado-- quitaba á luz a letra pequena dos recortes anunciados no Congreso e na rolda de prensa após o Consello de Ministros da sexta feira. Rajoy cargou contra "a herdanza" do Executivo anterior, do PSOE, e gabouse ao sinalar que el traballa "en beneficio dos que aplauden, dos que calan e incluso dos que protestan, sen atender a consideracións partidistas".

Ese traballo "en beneficio" da cidadanía tradúcese, na práctica, nunha machetada aos dereitos sociais amparada nunha motivación ideolóxica. Así, após revisármos polo miúdo o disposto no BOE, a folla de ruta trazada desde Madrid para a Lei de Dependencia reduce as prestacións á nada: @ dependente pagará o 90% da súa atención, ao tomar en conta para os cálculos non só a renda, senón tamén o 5% do valor catastral da vivenda.

Ademáis, o orzamento destinado ao nivel mínimo redúcese nun 13% respecto deste ano, polo que os territorios recibirán 200millóns de euros menos --menos orzamento para unhas comunidades que non poderán endebedárense--. Cabe lembrar un dato: na Galiza viven máis de 100.000 persoas en situación de dependencia. A lista de espera supera as 40.000 persoas, isto é, as que non cobran a axuda.

Máis cifras: as pagas das coidadoras familiares rebáixase un 15%, e as traballadoras perderán a Seguridade Social porque o Goberno deixará de lles pagar a cotización a partir do 31 de agosto. Desde o 1 de setembro terá unha bonificación do 10%, e xa para o 2013 terá que afrontar a totalidade da cuota se quere seguir cotizando. Son 15.000 afectadas no noso país, a meirande parte mulleres.