Luz verde do PP a que na Galiza impartan aulas docentes que non coñecen a lingua propia

O borrador do concurso de translados topa coa oposición dos sindicatos. Recorda CIG-Ensino que a Lei de normalización lingüística e do propio decreto do plurilingüismo require o deber de manexar o galego en todas as prazas e en todos os niveis educativos

A Xunta de Galiza, en virtude do concurso de translados, permitirá que no noso país imparta aulas profesorado que non coñece a nosa lingua. Segundo a proposta da consellaría de Educación, que o sindicato CIG fixo pública a través da súa federación de ensino, Jesús Vázquez incumprirá a Lei de normalización lingüística e o propio decreto 79/2010, que regula a presencia do galego nas aulas.

Só terán o deber de manexar este idioma @s docentes especialistas de Infantil; ciencias sociais, xeografía e historia e ciencias da natureza en Primaria; xeografía e historia e bioloxía e xeoloxía en Secundaria; e na Formación profesional. Na mesa sectorial, CIG-Ensino reclamou que se exixa a competencia en galego para todas as materias, considerando "inconcebíbel" o borrador do concurso de translados achegado pola consellaría e que non contempla tal requerimento.

"En calquera momento podería exercer cargos directivos ou impartir a súa materia en galego se así o require o Plan lingüístico do centro", pois o decreto plurilingüe aprobado pola Xunta do PP recolle que serán os propios colexios os que escollan a lingua en que se imparten algunhas materias para completar o famoso 33% do currículo que se lle reserva ao idioma propio do país. Así mesmo, defendeu o sindicato nacionalista que se considere un mérito impartir as aulas en galego.