Críticas da oposición no Parlamento galego

Luz verde ás novas instalacións do CHUOU

Un aspecto do complexo Hospitalario Universitario de Ourense

As novas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU) abrirán as súas portas o vindeiro mes de setembro. Segundo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, as obras xa remataron e a semana pasada foron recepcionadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). A esta obra rematada seguiralla a do edificio antigo e o das consultas médicas.

No pleno do Parlamento de Galiza da semana pasada o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, informou as deputadas e deputados da cámara do remate das obras das novas infraestruturas do CHUOU. O investimento desta obra elévase a 41 millóns de euros nunha superficie total de 52.000 metros cadrados, dos cales só 24.000 corresponden á area de hospitalización. 

 

O obxectivo que se marcaran dende a Consellaría de Sanidade era a unificación da hospitalización xeral do CHUOU nun único e moderno núcleo. Asemade, tamén procurarían incrementar en 15 por cento as camas dispoñíbeis, elevando a cifra até as 930.

 

Mais moitas son as críticas que acompañan esta nova xa que mesmo a presidenta da Comisión de Centro, Asunción Maus, sinalou que “é triste que teñamos que vir a Santiago para ter coñecemento disto”. Tamén denomina como precipitado e oportunista a decisión. “Non sabemos que servizos se trasladarán até o novo edificio e polo tanto, tampouco que traballadores se trasladarán”, engade mostrando grande incerteza e preocupación.

 

E no pleno do Parlamento tamén se pronunciaron os grupos parlamentarios da oposición denunciando numerosos problemas que, ao seu xuízo, o novo complexo hospitalario apresenta. Segundo sinalaba a deputada do PSOE, Noela Blanco, “o tema do aparcamento é moi preocupante” xa que, ademais de que terán que pagar, o persoal é moito e nos cambios de quenda ha coincidir no seu uso o duplo de traballadoras e traballadores.

 

Asemade, o servizo de cociña tamén foi obxecto de debate no pleno, ante a hipótese de que a súa eventual privatización poda levar aparellada a perda de postos de traballo.  Perante a ameaza do despedimento e a reubicación de moitos dos traballadores da cociña até o de agora “non se obtivo resposta de cal será o seu futuro” sinalou a presidenta da Comisión de Centro.

 

A deputada do BNG pola circunscrición de Ourense, Noa Presas, fixo publica a pasada segunda feira dunha solicitude no Parlamento para unha delegación de parlamentares de todas as frozas políticas poderen visitar as obras de ampliación do complexo. Sinala que “aínda que hai un ano prometeran que as instalacións estarían dispoñíbeis no verán pasado, vemos como aínda continúan fechadas”.

 

A resposta do conselleiro aos retrasos dos prazos de apertura do novo hospital, que se anunciaran xa en 2016 e que non se cumpriran, segundo sinalaron parlamentarias do PSOE e do BNG, foi diante dos representantes do CHUOU que seguiron o pleno en directo. Recoñeceu así o conselleiro que a caída do PXOM de Ourense e problemas cos novos accesos ou o subministro eléctrico foron algúns dos factores que retrasaron a finalización das obras.

 

Ante isto, o BNG sinalou que a responsabilidade continúa a ser do Partido Popular, posto que o concello de Ourense e a Deputación Provincial están nas mans da mesma forza política. “A cuestión dos accesos que o propio BNG ten denunciado tanto con instancias no concello como na Deputación”, sinalou Noa Presas.

 

Novo xerente do CHUOU

 

A comezos de 2017, no mes de febreiro, producíase un cambio en moitas responsabilidades no CHUOU. Mostra diso foi o relevo tomado por Dionisio López Bellido, xefe de Uroloxía até o momento, que toma as rendas do Complexo en substitución da súa compañeira Eloína Núñez que desempeñaba o cargo dende o 2009 e que pasará á dirección do Clínico de Santiago de Compostela.