Luz Casal, Juan Pardo e Carlos Núñez reciben as Medallas de Ouro da Galiza

Alfonso Rueda, Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez (Foto: David Cabezón / Xunta).
O acto, na Cidade da Cultura, contou coa presenza de numerosas autoridades, como o presidente e o vicepresidente primeiro da Xunta, o delegado do Goberno español, a alcaldesa de Santiago, o presidente do Parlamento ou o arcebispo de Santiago, entre outros.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, entregou esta segunda feira a Medalla de Ouro da Galiza, unha das máximas distincións do país, a tres "intérpretes dun pobo inmenso", Luz Casal, Juan Pardo e Carlos Núñez, "herdeiros daqueles trobadores" medievais que levaron a cultura galega ao ámbito internacional.

O acto, na Cidade da Cultura, contou coa presenza de numerosas autoridades, como o presidente e o vicepresidente primeiro da Xunta, o delegado do Goberno español, a alcaldesa de Santiago, o presidente do Parlamento ou o arcebispo de Santiago, entre outros.

Foron, en palabras de Alfonso Rueda, un recoñecemento "á inmensa cultura e o inmenso talento que hai na Galiza", reflectido nos tres premiados, "intérpretes dun pobo inmenso" que "representan a Galiza fiel a si mesma" que "non renuncia a outros públicos" nin a entrar en contacto con outras culturas.

"Grazas a eles, a Galiza que celebramos mañá, 25 de xullo, é cada vez mais grande", engadiu Rueda, "soa ben" e "está afinada" cos retos de futuro.

Os premiados

O acto arrincou co Himno do Antigo Reino da Galiza, interpretado pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e contou coas actuacións do cantautor ferrolán Andrés Suárez. O vicepresidente primeiro da Xunta e chanceler da medalla, Diego Calvo, arrincou as intervencións coa lectura da acta de concesión aprobada polo Consello da Xunta.

O primeiro en recibir a Medalla da Galiza de mans do presidente da Xunta foi Juan Pardo, "músico interxeracional" cuxa contribución á difusión da cultura galega, díxose na súa presentación, foi "innegábel". Del, Rueda destacou que as súas composicións, que conmoveron ao propio Picasso, son "fitos" da cultura galega e viu o espírito do país en letras como a de 'Xuntos'.

Posteriormente, Alfonso Rueda impuxo a Medalla da Galiza a Carlos Núñez, "un dos grandes embaixadores da música celta galega", do que o presidente aplaudiu a súa capacidade de "mesturar estilos". Na súa intervención, Núñez prometeu "seguir tentando levar a alma da Galiza" a todo o mundo e, a continuación, interpretou unha peza coa súa gaita.

Finalmente, unha das cantantes galegas máis recoñecidas, Luz Casal, recibiu tamén a Medalla da Galiza, unha distinción "especial, porque lla damos os seus a unha das nosas", dixo Rueda.

No seu discurso, Casal dixo recibir esta medalla agradecida por "estar á beira de dous compañeiros aos que admiro e cos que tiven unha relación musical". Ademais, tivo palabras de recordo para as súas orixes familiares na emigración e, visibelmente emocionada, quixo dedicar a súa medalla á súa familia e ao seu municipio natal, Boimorto.