Análise

A luxuria, a castidade e a cultura patriarcal

Tras os primeiros estudos científicos sobre a sexualidade humana comeza a tomar corpo a idea de que as mulleres "normais" poden sentir pracer nas súas relacións. (Ilustración: Álex Rozados)
A doutora en Medicina, Lola Ferreiro Díaz analiza para 'Nós Diario' a cultura patriarcal.

Aquel catecismo do que xa temos falado, dicía: "Contra a luxuria, castidade", e tamén o tiñamos que aprender de memoria. Pero se a comprensión doutros pecados nos quedaba lonxe, a luxuria e a castidade eran inatinxíbeis para nós. O restos dos pecados capitais explicábansenos (con pouco éxito), pero a luxuria non, porque estaba suxeita ao gran tabú co que as culturas derivadas do monoteísmo hebreo cubrían todo canto tiña que ver coa sexualidade.

Tampouco se explicaba a castidade, porque facelo implicaba falar da luxuria, "pecado da carne", era o máis que dicían dela; a referencia sobre a castidade era que quen tiñan voto (curas e monxas), non podían casar. Evidentemente, nós non entendiamos aquilo. Só sabiamos que era un pecado capital e que, se o cometiamos, arderiamos no inferno para sempre; pero, como sabermos se o cometiamos, sen sabermos o que era?

Dos todos os pecados, a luxuria é o que está máis influído pola cultura patriarcal. A clave está na propia definición: desexo desmesurado de pracer sexual pero, desmesurado, atendendo a que criterio ou a que medida? E, sobre todo, o criterio e a medida son as mesmas para os homes que para as mulleres? Parece que non. Logo está a castidade, abstinencia dos praceres sexuais e de pensamentos impuros. Entón, entre a desmesura e a abstinencia, que hai? Pois outra trampa.

Parece que a castidade debe ser propia das mulleres, nas que o menor pensamento ou fantasía sexual é considerado luxurioso e moito máis as accións, mentres que nos homes se permiten e mesmo se estimulan. Pódese dicir que as mulleres que non son castas son luxuriosas, porque calquera expresión da sexualidade é desmesurada. Pola contra, os homes non teñen que ser castos preceptivamente e a luxuria non parece afectalos e isto explica a dobre rapadoira no exercicio da sexualidade, da que falara Anne Koedt. 

 A subordinación sexual das mulleres e o uso do seu corpo como mercadoría instálanse no imaxinario colectivo desde a orixe do sistema

A explicación de todo isto ofrécennola antropólogas feministas, como Gerda Lerner ou Marcela Lagarde que nos falan de como a subordinación sexual das mulleres está na orixe do patriarcado e promove a súa construción. Indican que a subordinación sexual das mulleres e o uso do seu corpo como mercadoría instálanse no imaxinario colectivo desde a orixe do sistema, que lexitima a violación das do bando perdedor nas guerras e, en xeral, o uso do seu corpo polos homes.

Esta posesión aparece lexislada nos primeiros códigos xurídicos, convertendo en delito a súa transgresión, que as relixións monoteístas converten en pecado (de luxuria) e a ciencia en enfermidade. Desta maneira, a sexualidade das mulleres fica expropiada e prodúcese unha gran negación secular: as mulleres non teñen desexo sexual. Só as perversas, as enfermas, as pecadoras e as impías, mostran signos de telo e o seu destino é o cárcere, o manicomio e a condena eterna.

Deste xeito, establécese que as relacións deben ser heterosexuais, coitais e con un único home, e deben ter como finalidades satisfacelo e procrear. Todo o que se afaste disto é desmesura e, polo tanto, luxuria (vicio vergoñento que nos condena).

Tras os primeiros estudos científicos sobre a sexualidade humana (principios do século XX) comeza a tomar corpo a idea de que as mulleres "normais" poden sentir pracer nas súas relacións sexuais, pero a ciencia (Freud incluído) insiste en que as ditas relacións deben ser heterosexuais, coitais e o orgasmo é necesariamente vaxinal, descualificando outras fontes de pracer como inmaturas. Así, cando Anne Koedt e sobre todo Shere Hite publicaron os seus ensaios desmontando o mito, foron elas as descualificadas e, unha vez máis, a "ciencia" situouse... a favor do patriarcado.

En suma, nas mulleres, as fantasías sexuais, a masturbación, as relacións lésbicas (que poñen de manifesto irrefutabelmente que as mulleres temos sexualidade propia) e mesmo certas prácticas heterosexuais desde a súa propia iniciativa son luxuria, pecado (relixioso ou laico), e isto promove a represión sexual que, pola súa vez conduce a unha frustración permanente, ao non liberar a tensión acumulada, e explica multitude de problemas de saúde.

Coa luxuria e a castidade non ocorre o mesmo que coa soberbia e a humildade, entre as cales está a dignidade. Na luxuria, a trampa principal é a mesura, porque introducir este elemento permite limitar a lexitimidade do desexo sexual e a súa satisfacción ata onde queiran quen ostentan o poder (moral, científico e legal). Sen dúbida, entre a luxuria e a castidade, eliximos a luxuria.